Ir o contido principal

A mellora da visión dos daltónicos con filtros de cor implica perda de contraste

Logo de analizar un caso clínico ao longo de dous meses, os investigadores concluíron que a súa mellora na realización de tests de cor era do 60% con filtros haploscópicos
Logo de analizar un caso clínico ao longo de dous meses, os investigadores concluíron que a súa mellora na realización de tests de cor era do 60% con filtros haploscópicos
Os investigadores da USC Javier González Pérez, Eloy Rodríguez Daporta e Jorge Mira Pérez analizan as estratexias de mellora para as persoas afectadas por esta eiva, que atinxe ao 8% dos homes e ao 0,5% das mulleres
Santiago de Compostela

A eficiencia na realización dos tests habituais de daltonismo pode mellorar coa utilización de lentes con filtros de cor diferentes para cada ollo, pero a costa dunha perda de contraste da imaxe. Esta é unha das conclusións ás que chegaron os investigadores da USC Javier González Pérez e Eloy Rodríguez Daporta, da Facultade de Óptica e Optometría, xunto a Jorge Mira Pérez, da Facultade de Física, nun estudo que acaba de ver a luz na revista Optometry and Vision Science e no que analizan unha estratexia de mellora para as persoas afectadas por esta eiva que se manifesta, maioritariamente, na dificultade para distinguir as cores verde e vermella.   

“As estratexias de mellora baséanse, en primeiro lugar, na identificación da cor en cuxa detección está afectada a persoa —vermello ou verde— para, a continuación, fabricar un filtro que reduce a transmisión das lonxitudes de onda ao redor da zona de confusión de cor, de xeito diferente para cada ollo (filtros haploscópicos)”, explican os investigadores. Este é o fundamento das coñecidas como “gafas para daltónicos” que se erixen nunha saída para paliar os efectos deste trastorno que xorde como consecuencia dunha alteración xenética no cromosoma X. Dado que os varóns só teñen un cromosoma X no par sexual, o daltonismo afecta ao 8% dos homes e só ao 0,5% das mulleres.

Logo de analizar un caso clínico ao longo de dous meses, os investigadores concluíron que a súa mellora na realización de tests de cor era do 60% con filtros haploscópicos.  Con todo, comprobaron que as posibles melloras implican asemade perder sensibilidade de contraste na imaxe, “debido á redución da luz que é absorbida polos filtros”, matizan. A aparición dunha percepción de tinguidura rosa na imaxe captada polo daltónico foi outro dos fenómenos secundarios detectados no traballo. A análise simultánea dos resultados da visión da cor e o espectro de transmitancia dos filtros podería contribuír a unha mellor comprensión dos mecanismos detrás da suposta eficacia destes dispositivos.

Evolución do caso clinico logo de dous meses
Evolución do caso clinico logo de dous meses
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2020.