As mellores obras presentadas a InvestigArte mostraranse en Fonseca

A mosta ‘InvestigArte, a exposición dos científicos do hoxe e do mañá’ traerá a Compostelá as 30 mellores obras presentadas a InvestigArte, concurso de arte visual científica e tecnolóxica que se dirixía a grupos de investigación e alumnado de ESO, Bacharelato e Formación profesional. A iniciativa nace en 2012 ideado por un grupo de investigadores apaixonados pola fotografía e a súa utilidade para explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral, as innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas aos seus proxectos científicos. A exposición, unha iniciativa na que se conxugan a ciencia e a creatividade a través da mirada de investigadores profesionais e alumnos, poderase visitar no Colexio de Fonseca dende este martes 7 ata o próximo día 17 de maio. As obras presentes na mostra son un escolla de entre as 150 que se presentaron a primeira edición do concurso, aberto a científicos/as e estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional que, con imaxes, debían explicarlle á sociedade, o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. Tamén se inclúen un total de cinco traballos en formato vídeo. InvestigArte está impulsado por un grupo de investigadores novos que “non se conforman con que as súas investigacións e innovacións tecnolóxicas queden no mundo científico”, senón que pretenden “ romper esta barreira e mostrar á sociedade o traballo e a utilidade que estas innovacións teñen no noso presente e futuro”, sinalan os promotores do concurso. A primeira edición “foi todo un éxito tanto pola participación de investigadores e escolares, como no ámbito mediático a través da páxina web, www.investigarte.es”, explican. Esta iniciativa está organizada por Campus Vida (o Campus de Excelencia Internacional liderado pola Universidade de Santiago de Compostela), educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié), o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) e a Fundación Ramón Domínguez. InvestigArte volverá abrir unha nova convocatoria a partir de Novembro deste ano na que os investigadores do hoxe e do mañá poderán volver ofrecer a súa visión do mundo da ciencia e a tecnoloxía. Punto de apoio, obra da alumna de 4º de ESO do IES As Lagoas, Clara Martín Jiménez