Ir o contido principal

Os membros da comunidade universitaria poderán coñecer a súa actual condición física co programa Actívate

Durante a vindeira semana, postos informativos en Santiago e Lugo aconsellarán sobre a actividade deportiva que necesita cada persoa

O vicerreitor de Cultura da USC Elias J. Torres e o xerente da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia, Javier Rico, presentaron este venres en Santiago o programa ‘Actívate, semana do deporte e a saúde na Universidade’. A iniciativa nace co desexo de difundir os beneficios da actividade física saudable no eido universitario mediante actividades de sensibilización como cuestionarios sobre a actual condición física.
Organizado pola Dirección Xeral para o Deporte en colaboración coas tres universidades galegas, ‘Actívate’ cumprirá coa expectativa de difundir, orientar e potenciar a práctica deportiva saudable nos sete campus de Galicia. Na USC, os postos informativos abrirán a partir do luns 13 de 9:00 a 15:00 horas no Pavillón Estudantil do Campus Sur de Santiago. O resto da semana o horario será de 11:00 a 17:00 horas na Facultade de Medicina o martes 14, na de Ciencias Económicas e Empresariais o mércores 15 e en Veterinaria o xoves 16.
A práctica habitual de actividade físico-deportiva moderada mellora a calidade de vida pero cómpre saber que tipo de exercicio é máis axeitado. Nos postos, expertos da Fundación USC Deportiva realizarán un sinxelo test de condición física saudable para coñecer o estado da persoa. Os resultados obtidos serán avaliados polo grupo de profesionais ofrecéndolle ao interesado consellos sobre a súa práctica deportiva tendo en conta os intereses e necesidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2008.