Ir o contido principal

A memoria da primeira enxeñeira agrónoma de Galicia revive no Campus de Lugo

Luisa Pérez-Soba y Baró, primeira enxeñeira agrónoma de Galicia e quinta de España
Luisa Pérez-Soba y Baró, primeira enxeñeira agrónoma de Galicia e quinta de España
O V Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural premia a proposta de desenvolvemento dun sistema construtivo celular innovador presentada por Daniela Filipa Lourenço
Lugo

A memoria e o legado da primeira enxeñeira agrónoma de Galicia, María Luisa Pérez-Soba y Baró (Burgos 1930- A Coruña 2021), recobrou este xoves actualidade no  Campus de Lugo da USC no marco da cerimonia de entrega de premios do V Concurso de Traballos de Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural, unha sesión que serviu de escenario para que as comisións de igualdade de xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Ciencias da USC tributaran unha particular homenaxe a quen tamén foi a quinta enxeñeira agrónoma de toda España, logo de completar os seus estudos entre 1954 e 1959 nunha promoción eminentemente masculina e na que so había dúas mulleres.

A catedrática Isabel Fernández, que traballou na revisión da biografía desta pioneira no ámbito da enxeñaría agrónoma xunto coa súa colega docente Esther Gómez Fórneas, foi a encargada de sinalar algúns dos logros acadados por Pérez-Soba y Baró, que se atopa entre as persoas que impulsaron a creación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, un órgano de cuxa sede coruñesa actuaría como secretaria entre 1962 e 1976.

O recoñecemento explícito desde o Campus de Lugo á figura de Pérez-Soba y Baró serviu de colofón da cerimonia de entrega de premios do V Concurso de TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural, unha iniciativa promovida desde a Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría de Lugo para outorgar visibilidade ao cometido que desenvolven e poden desenvolver as mulleres nun ámbito tecnolóxico como o que constitúen as enxeñarías.

A subdirectora da EPS de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, foi a encargada de conducir un acto co que o centro universitario lugués tamén conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora e no marco do que tamén participaron como relatoras a profesora Dolores Fernández Rodríguez, coordinada da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE) e a enxeñeira galardoada neste certame, Daniela Filipa Lourenço dos Santos.

Lourenço dos Santos, que recibiu como premio unha gratificación en metálico de 200 euros, aproveitou a súa intervención para explicar a temática do seu Traballo de Fin Grao, un estudo no que trata o desenvolvemento e a optimización de sistemas construtivos innovadores para unha construción sostible.

O obxectivo deste traballo técnico, relatou, é o desenvolvemento, a optimización e a validación de sistemas construtivos mediante a xeración de ferramentas de cálculo que permitiron analizar o seu comportamento en distintas situacións, modificando os parámetros e variables. Unha vez validadas as ferramentas de cálculo, o TFG fai varias comparativas entre os sistemas innovadores presentados e os que se viñan usando tradicionalmente na construción en madeira para obter conclusións sobre onde será máis útil e competitivo o uso dos sistemas LIFE EcoTimberCell, explica.

Mulleres e medios rurais

A veterinaria cordobesa e autora, entre outras obras, de ‘Tierra de Mujeres’, María Sánchez, ofrecerá este martes 16 de marzo, a partir das 17.00 horas, a través da canle de YouTube do Campus Terra da USC, o relatorio ‘Mulleres e medios rurais: outra narrativa é posible’.

Esta actividade divulgativa, de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado, está organizada pola Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo en colaboración coas comisións de igualdade de xénero da sede universitaria luguesa, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2021.