Ir o contido principal

A Memoria de Responsabilidade Social rende contas da actividade da USC durante 2016

De esquerda a dereita, José M. Villanueva, Almuena Hospido, Dolorez Álvarez, Juan Viaño e María Cadaval. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereita, José M. Villanueva, Almuena Hospido, Dolorez Álvarez, Juan Viaño e María Cadaval. Foto. Servimav-USC

A USC presentou unha nova edición da súa Memoria de Responsabilidade Social, a correspondente ao ano 2016 e ao curso 2015/2016 baixo o título ‘ Dende 1495 marcando o camiño a seguir’. Como puxo de manifesto o reitor no acto de presentación celebrado este xoves en San Xerome coa participación da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, a nova memoria recolle o compromiso da Universidade de Santiago de Compostela coa Responsabilidade Social, materia na que leva reportando dende o ano 2003. Na presentación tamén estiveron presentes a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, o xerente da USC, José M. Villanueva; e a coordinadora do SUR con competencias en Responsabilidade Social, María Dolores Cadaval Sampedro.

A USC foi a primeira das universidades españolas en render contas á sociedade da súa achega nos eidos económicos, social, ambiental e relacional, que agora se complementa poñéndoas en relación coas liñas estratéxicas do seu plan. Concretamente, nesta décima edición, quedan reflectidos o enfoque e a xestión relativos ao ano 2016, curso 2015-2016, en temas de desempeño económico, ambiental e social, dando conta da misión, visión e valores da universidade compostelá.

Como sinala o presidente do Consello Social da USC, José Mª Arias, na introdución do documento “esta memoria de Responsabilidade social Corporativa do ano 2016 pon de manifesto o esforzo que a nosa universidade está a facer para seguir sendo competitiva sen renunciar á calidade, e todo iso pese ás dificultades xurdidas e os ambiciosos retos a afrontar”.

Na presentación do novo documento, a vicerreitora Dolores Álvarez Pérez deu conta dalgún dos indicadores principais recollidos na Memoria, documento que como explicou presenta un informe anual que se redacta de acordo coa versión g4 da guía para elaboración de memorias de sustentabilidade de global Reporting initiative (gRi). Esta versión contempla unha serie de novidades que obrigan a realizar unha adaptación dos contidos e indicadores reportados con anterioridade.

O repaso realizado por Dolores Álvarez comezou aludindo á xestión económica durante 2016, ano no que como indicou melloraron significativamente os resultados orzamentarios, económico-patrimoniais e de déficit sobre o Plan de Equilibrio Económico Financeiro de Reequilibrio (PEFR). A xestión do capital humano é outros dos capítulos da Memoria, con referencias ao perfil do persoal que presta servizos na institución universitaria compostelá, formación, igualdade e conciliación ou promoción, seguridade e saúde, entre outras cuestións. Neste senso, a Memoria apunta un aumento constantes nos últimos dez anos da taxa de mulleres que traballan na USC, o 47% do total do cadro de Persoal Docente e Investigador.

Outro dos ámbitos temáticos analizado polo informe é o da Xestión do Coñecemento, tanto a través da docencia como da investigación. No primeiro caso, a Universidade de Santiago atraeu a preto do 40% do estudantado total do Sistema Universitario Galego coas áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Ciencias da Saúde como ás de maior volume de estudantado, co 70% do total da USC durante 2015/2016. Neste senso, Dolores Álvarez tamén explicou que a satisfacción media coa docencia recibida en graos e másteres foi practicamente de 4 puntos sobre un total de 5.

A ecoloxía interna foi o bloque temático co que a vicerreitora Dolores Álvarez pechou a presentación da Memoria, ámbito no que a USC, a través da Oficina de Desenvolvemento Sostible promove prácticas entre a comunidade universitaria e a na súa contorna destinadas a desenvolver, protexer o medio ambiente e diminuír os riscos da súa actividade. Como lembrou Álvarez Pérez, na súa preocupación pola redución das emisión de Co2, a Universidade compostelá selecciona os combustibles menos contaminantes para o seu consumo, ademais de que a eficiencia enerxética do sistema de coxeneración universitario permitir reducir custes e emisións de gases contaminantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2018.