Méndez actualiza en Fonseca a iconografía alegórica de Cesare Ripa
Corenta alegorías contemporáneas inspiradas en Cesare Ripa conforman a exposición ‘Retratos con alegoría’ que o seu autor, J. Méndez, inaugura este xoves no Salón Artesonado do Colexio de Fonseca. Trátase dun proxecto elaborado durante anos inspirado na iconografía do escritor renacentista Cesare Ripa sobre as virtudes, paixóns e vicios do ser humano desde a antiga Grecia. A partir dese decálogo para artistas, Méndez propuxo a corenta persoas que se identificasen cunha das iconografías dando lugar así a outras tantas alegorías que agora cobran vida nos emblemáticos espazos do Colexio de Fonseca. Entre estes retratos hai vinte artistas que, ademais, realizaron esculturas ex profeso a partir dunha estrutura ovoidal. Trátase de Ramón Conde, Paco Pestana, Reina D´Hoore, Acisclo Manzano, Lino Silva, Andreas Ruíz, Mariano Casas, Vicente Ruiz, Maria Chenut, David Crooks, Álvaro de la Vega, María Meijide, Soledad Mato, Monica Fraga, Tita Fraga, Lomarti, Paparolo, Camilo Seira e o propio Méndez. O resto das persoas retratadas pertencen a todos os sectores da sociedade, entre eles a medicina representada polo doutor Carro ou a ciencia significada en Antonio Casares, primeiro catedrático de química da USC. Entre todos e todas simbolizan a pintura, a escultura, o furor, a confrontación, o ocio, a aprendizaxe, a astucia, o artificio, a desobediencia, a audacia, o azote divino, a compunción, a conciencia, o consello, a curiosidade, o debuxo, a dúbida, o escándalo, o furor, a irritación ou a obriga, entre outras. A mostra está comisariada por Cristina Carballedo e permanecerá aberta ata o 4 de maio de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas de luns a sábado.