Ir o contido principal

Unha mesa de expertos en e-Learning organizada por Uninova destaca a necesidade dun maior apoio institucional ao sector das tecnoloxías aplicadas á aprendizaxe

Expertos en e-Learning de Galicia e do Norte de Portugal consideran necesario dispoñer dun maior apoio por parte das institucións a este tipo de iniciativas ao tempo que ofrecer contidos de calidade e potenciar máis recursos comerciais a este tipo de produtos. Estas son algunhas das conclusións ás que chegaron os participantes nunha mesa de expertos en e-Learning organizada pola incubadora de empresas da USC, Uninova, no CITT.
O obxectivo desta mesa de expertos en tecnoloxías aplicada á aprendizaxe era o de poñer en común a situación actual do mercado desta actividade en Galicia e no Norte de Portugal así como detectar novas oportunidades de negocio que ata o momento non foron suficientemente explotadas.
Os aspectos tratados na mesa de debate centráronse na análise das relacións entre clientes e provedores, do contorno sociocultural e normativo, identificación de ameazas e oportunidades, necesidades de financiamento ou sobre as barreiras de entrada e saída do sector.
Esta actividade enmárcase no Proxecto Europeo TRANSTIC-IC.INTERREG IIIA (Programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC), do que UNINOVA é socio xunto co BIC GALICIA, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Vigo, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Oficina da Inovaçao Empresarial de Minho e a Associaçao Universidade Empresa para o Desenvolvimento” (TEC Minho).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2007.