Ir o contido principal

A Mesa de negociación sindical da USC alcanza por unanimidade un acordo para a planificación do persoal docente e investigador do vindeiro curso

A mesa de negociación sindical da USC, da que forman parte as catro organizacións sindicais con representación no ámbito do Persoal Docente e Investigador (PDI) -CIG, CCOO, CSIF e UGT-, acaba de alcanzar un acordo por unanimidade para a planificación deste colectivo de cara ao vindeiro curso académico 2018-2019. Esta programación enmárcase a súa vez no plan plurianual da Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador para o período 2016-2020, un documento que regulou por vez primeira a xestión dos recursos humanos para docencia e investigación na USC en perspectiva plurianual e de xeito coordinado coas posibilidades orzamentarias.

Este plan 2016-2020, adecúa as posibilidades de planificación do Persoal Docente e Investigador á capacidade orzamentaria da institución docente compostelá no período de vixencia do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. A política de persoal conforme este documento ten por obxectivo dar cobertura ás necesidades docentes das áreas de coñecemento, atender os procesos de estabilización e promoción do persoal docente e investigador da USC e ter en conta outro tipo de actuacións no ámbito do PDI.

2018-2019
O novo acordo da mesa de negociación sindical, que deberá pasar agora á comisión delegada do Consello de Goberno (COAP) así como ao propio órgano colexiado, contempla unha serie de prazas de vinculación permanente, xa sexa para estabilización como para promoción, así como como as orientadas á cobertura temporal de necesidades docentes. O acordo adoptado por unanimidade na mesa de negociación inclúe quince de prazas para a estabilización como contratado doutor de profesorado interino e persoal investigador do programa Ramón y Cajal, outras tantas para a promoción ao corpo de profesorado titular (funcionario) e quince para a promoción interna ao corpo de catedrático de Universidade. A planificación para o vindeiro curso tamén trata as posibilidades de mobilidade intercampus, licenzas por ano sabático e a integración en corpos docentes superiores.

A estas habería que sumar outras catro prazas que se van destinar á promoción ao corpo de profesorado titular de universidade con praza asistencial vinculada, en virtude do convenio asinado entre a USC e a Consellaría de Sanidade para o financiamento e dotación de prazas de persoal docente e investigador naquelas áreas ou servizos que, na actualidade, carecen destes recursos por mor das xubilacións producidas dende 2010.

Polo que respecta ao persoal con vinculación temporal, o acordo afecta a un total de 501 prazas entre prórrogas anuais e reposición de prazas vacantes de profesorado asociado, PACS e profesorado lector ou creación de prazas de profesorado axudante doutor, así como asociados e asociados de Ciencias da Saúde, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2018.