A metodoloxía bosquescola e o uso da natureza como aula centra un curso estival da USC en Formación do Profesorado
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC celebrará os días 20 e 21 de xuño un ‘Obradoiro de iniciación en metodoloxía bosquescuela’. Estruturado en 15 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 35 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica está dirixido polo profesor Rubén Navarro Patón.
Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC pasan por dar a coñecer os valores, a base teórica e a metodoloxía bosquescuela, a partir de facer visibles a variedade e posibilidade de ferramentas que ofrece a natureza como aula e tamén como contorna de aprendizaxe capaz de proporcionar numerosos recursos que contribúen a sensibilizar e tamén a reforzar o vínculo coa natureza dos nenos e das nenas.
Estruturado en obradoiros e sesións expositivas de marcada orientación práctica, a temática deste programa estival abrangue cuestións de deseño de actividades ao aire libre relacionadas coa lóxica e as matemáticas, xogo espontáneo ao aire libre, neurodidáctica e psicoloxía do xogo infantil, lectoescritura con elementos naturais ou mesmo o intercambio de experiencias e avaliacións do modelo europeo de escolas infantís ao aire libre.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 9 de xuño.