As microviñificacións feitas pola USC proban o potencial dos caldos obtidos nunha leira experimental de Portomarín
Os viños obtidos como resultado das primeiras microviñificacións feitas con uva procedente dos ensaios que está a levar a cabo o grupo de investigación en Viticultura da Universidade de Santiago de Compostela na leira experimental cedida pola comunidade de montes de Portomarín proban o alto potencial de calidade que teñen estes caldos, segundo subliña o profesor da USC Julián García Berrios.
Este investigador do grupo de Viticultura da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador desta leira experimental emprazada en Portomarín, ofrecerá este venres, a partir das 18.30 horas, na Casa da Cultura de Portomarín, un relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘ Vantaxes e inconvenientes dos cambios de variedade mediante enxerto como alternativa á replantación de vides’. Unha vez rematada a intervención do profesor García Berrios, todos os asistentes poderán participar nunha sesión de cata e degustación das primeiras microviñificacións obtidas nos ensaios da finca do Monte de Cristo, na que se atopa emprazada a plantación de vides. O relatorio ofrecido polo coordinador da finca experimental que ten a Universidade de Santiago de Compostela no Monte de Cristo de Portomarín e a posterior sesión de cata e degustación, que se desenvolverá nun dos establecementos de hostalería do casco urbano de Portomarín a partir das 20.30 horas, encádranse dentro do programa de actividades de divulgación contemplados xa no convenio de colaboración asinado o pasado ano 2012 entre o grupo de investigación de Viticultura da USC e a Deputación Provincial de Lugo e en cuxo padroado tamén está representado o Concello de Portomarín. A achega financeira recibida da Deputación de Lugo no marco deste acordo posibilita a continuidade das investigacións xa comezadas e tamén contribúe ao mantemento e conservación da finca, segundo subliñou o propio Julián García Berrios. O profesor da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e coordinador da leira experimental da USC en Portomarín salientou asemade que os primeiros resultados deste proxecto de investigación aínda en fase pouco menos que inicial chaman ao optimismo e, cando menos, proban que o territorio da contorna de Portomarín é acaído para a produción de viño de calidade. Respecto das variedades empregadas nesta plantación experimental, o profesor García Berrios indicou que o grupo de Viticultura da USC está a traballar na leira experimental de Monte de Cristo con variedades de uva propias de Galicia, tales como mencía, godello, albariño... A finca cedida para usos experimentais pola comunidade de montes de Portomarín á Universidade de Santiago de Compostela ten unha superficie aproximada de tres hectáreas, aínda que as plantacións apenas cubren a metade do terreo. García Berrios comentou asemade que o labor de experimentación desenvolvida ata o momento en Portomarín no permite acadar ata o momento os resultados óptimos respecto do potencial que pode acadar este viño. Así, este investigador indicou neste senso que a xuventude das vides das que se obteñen as uvas para o viño e as sempre mellorables condicións nas que se desenvolven os procesos de microviñificación son factores a ter en conta á hora de avaliar o resultado e a calidade dos caldos obtidos. Este investigador da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo apunta ademais que as actuais condicións que rodean a produción vitivinícola nesta finca experimental radicada en Portomarín poderían calificarse de limitantes, o que dificulta a súa modelización, aínda que garantizan a súa extrapolación a outros escenarios posibles.