Ir o contido principal

Migracións e medios centran o debate do VI Foro da Cidadanía e Comunicación

Comeza o luns próximo na Facultade de Ciencias da Comunicación

O Foro da Cidadanía e Comunicación alcanza a súa sexta edición abordando a relación entre ‘ Migración e Medios’ a través dunha análise sobre cómo os medios de comunicación reflicten o discurso da emigración e a súa vez cómo os emigrantes participan nos mesmos. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mesmo luns 8, data que comezará o programa do Foro que se vai estender ata o día 12. A inauguración do encontro celebrarase o vindeiro luns a partir das 10:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación nunha xornada que presidirá o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán, ao que acompañará o director do Foro, o profesor Marcelo Martínez, e unha representación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. En base a unha análise das mensaxes xeradas e difundidas polos medios arredor da migración, o encontro tratará de propor recomendación e boas prácticas entre os profesionais da comunicación á hora de abordar esta temática. Profundarase igualmente nas dinámicas dos medios de que dispoñen o colectivos da migración como comunidades da diáspora co ánimo de recoñecer e valorar a súa cultura e as iniciativas de participación no espazo público. Ademais, porase de relevo o coñecemento da experiencia migratoria galega como elemento de encontro e proposta de valor á hora de transmitir políticas de recurso se dereito ou elaborar informacións. Ao longo das dúas primeiras xornadas, os días 8 e 9, concentraranse as conferencias e comunicacións. Deseguido, entre os días 10 e 12, terán lugar un obradoiro de debate baixo o lema ‘ Medios e migración’ e un ciclo documental sobre o mesmo ámbito temático. O Foro

O VI Foro da Cidadanía e da Comunicación é un encontro científico que convoca anualmente o grupo de investigación Cidadanía e Comunicación da USC (CIDACOM), para contrastar e compartir as liñas de investigación con outros investigadores e expertos e coa vontade de consolidar relacións coas institucións e entidades que exercen o seu labor nos eidos da Cidadanía e da Comunicación. En anteriores edicións, os debates se centraron no Terceiro Sector; Cidadanía e documental; Prensa e cidadanía; Cidade e na relación entre comunicación e ben público. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.forocidadania.org/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2010.