Miguel Cabo e Antonio Míguez recolleron o Premio de Investigación Histórica ‘Domingo Fontán’
Os profesores do Departamento de Historia Contemporánea da USC Miguel Cabo Villaverde e Antonio Míguez Macho recolleron este xoves na Fundación Novacaixagalicia o II Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán polo seu traballo ‘A Cámara agrícola e pecuaria de Santiago (1903-1929): Un espazo de sociabilidade e de poder na Compostela da Restauración’. No acto de entrega, no que participaron o reitor Juan Casares e o presidente da Real Sociedade Económica de Amigos de País da Cidade de Santiago (RSEAPS, Juan B. de la Salle Barreiro, entregouse tamén unha mención especial do xurado a Beatriz Cancela Montes e Alberto Cancela Montes pola investigación ‘Da música académica ao nacionalismo musical. A saga de músicos Courtier en Galicia’. Terceira edición O Premio Domingo Fontán, que na súa primeira edición gañou Beatriz Cancela Montes polo traballo ‘O rexeneracionismo na obra de Santiago Tafall’, convócano cada dous anos e desde 2008 a USC e a RSEAPS coa fin de recoñecer traballos de investigación histórica, paleográfica, xeográfica, artística, arquivística, patrimonial, bibliográfica ou calquera outro fundamentado no patrimonio e documentación da Real Sociedade ou baseado no período e motivo da súa creación. Ten unha dotación económica de 2.000 euros. A convocatoria da terceira edición correspondente ao período 2012-2013 abrirase este 1 de abril e pechararase o 30 de setembro de 2013, coñecéndose tres meses despois o ditame do xurado. Os encargados de avaliar as investigaciónsd presentadas serán o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet Schröder; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso Montero; o director do Departamento de Historia Económica da USC, Xoán Carmona Badia; ademais do presidente e secretario da RSEAPS, Juan B. de la Salle e Fernando Barros. As investigacións poderán ser inéditas, coleccións de traballos parciais ou artigos científicos xa editados, sempre que non supoñan unha simple recompilación. Deberán estar redactados en calquera das catro linguas oficiais do Estado cunha extensión entre 75 e 500 folios. Domingo Fontán Domingo Fontán (Portas, 1788) foi o autor da Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos, que sería a base para a realización do trazado de novas estradas. Despois de desempeñar varias cátedras na Universidade de Santiago, foi nomeado director do Observatorio Astronómico de Madrid, traballando tamén en Topopgrafía, Cosmografía, Xeodesia e Astronomía. Faleceu en 866 en Cuntis e está enterrado no Panteón dos Galegos Ilustres.