Miguel Taín ingresou na Academia Xacobea
O director da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, Miguel Taín Guzmán, ingresou este martes 30 na Academia Xacobea como membro de número nun acto que se desenvolveu no salón Nobre do Colexio de Fonseca. A cerimonia contou coas intervencións do reitor da USC, Antonio López; do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, Román Rodríguez; do presidente da Real Academia Xacobea, Jesús Palmou; da vicepresidenta da entidade, María Josefa Sanz Fuentes; e do secretario desta institución, Ulises Bértolo García.
Miguel Taín Guzmán dedicou o seu discurso para analizar o altar maior da catedral compostelá desde o punto de vista da súa iconografía en relación co culto e os ritos da peregrinación. O que fora reitor da USC, Darío Villanueva foi o encargado de dar resposta ao discurso do profesor Taín.
Traxectoria
O profesor Taín Guzmán centra a súa investigación arredor de diversas liñas sempre relacionadas co Camiño, a catedral, a cidade e a peregrinación. Nos últimos anos ten desenvolvido diversas estadías en centros de investigación internacionais como o Kunsthistorisches Institut de Florencia do Max-Planck-Institut; Villa I Tatti-University of Harvard; a Brandenburg Research Academy and International Network (BRAIN)-Marie Curie Fellowship no departamento de Historia da Arquitectura da Brandenburgische Technische Universität de Cottbus de Alemaña ou no Pilgrimage Studies Institute do College William and Mary en EEUU.
Ademais de distintas responsabilidades de xestión asociadas á Facultade de Xeografía e Historia, é fundador e co director do curso de verán internacional da USC ‘Lección Xacobeas Internacional da USC’ dende 2007, ademais de membro do Comité Español de Historia da Arte dende os anos 90, da Sociedade Española da Historia da Construción dende a súa fundación en 1996, da Construction History Society de Londres dende 2012 e representante de España no International Committee of the History of Art (CIHA) entre 2007 e 2013.