Ir o contido principal

Miguel A. Zabalza, honoris causa pola Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul de Brasil

Imaxe de arquivo do profesor Miguel A. Zabalza
Imaxe de arquivo do profesor Miguel A. Zabalza

A Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul (Brasil) acaba de outorgarlle o grao de doutor honoris causa ao catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC Miguel Ángel Zabalza Beraza. O acto de imposición celebrarase a finais do vindeiro ano 2018. O profesor Zabalza incorporarase deste xeito a unha galería de honra da que forman parte destacadas personalidades como tres premios Nobel, entre eles Camilo José Cela ou o médico alemán Harald zur Hausen.

A concesión desta grao de honra da universidade brasileira vén recoñecer os traballos e publicacións do docente da USC en cuestións de deseño curricular, diarios de clase, educación infantil e ensino universitario, moitas delas utilizadas como textos básicos na formación de futuros profesionais da pedagoxía e a educación en Brasil. O profesor Zabalza mantén con grupos de investigación da Pontifícia unha intensa colaboración dende hai anos, materializada na dirección de teses de doutoramento de actuais docentes, na docencia en mestría e doutoramento ou na participación como conferenciante.

Miguel Á. Zabalza
Miguel Zabalza Beraza, doutor en Psicoloxía e Pedagoxía, foi profesor da Universidade Complutense de Madrid, da UNED, da Universidade de Comillas e, dende 1979, da Universidade de Santiago na que foi decano da Facultade de Ciencias da Educación e dirixiu o Departamento de Didáctica e Organización Escolar e o Instituto de Ciencias da Educación.

Zabalza desenvolveu unha ampla actividade como docente e investigador na área do currículo e desde hai anos está implicado en programas de formación de docentes e asesoramento a centros escolares en procesos de desenvolvemento institucional e mellora da calidade da ensinanza. Ademais, pertence a varios programas europeos centrados na formación de profesores, na transición da escola ao mundo do traballo e no estudo das virtualidades pedagóxicas dos itinerarios culturais europeos.

Investigador principal de 25 proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional, é ademais autor (ou coautor) de máis de 100 libros, algúns deles traducidos a varios idiomas. Entre as súas publicacións máis sobranceiras destacan Diseño y desarrollo curricular, Didáctica de la Educación Infantil, Areas, Medios y Evaluación en la Educación Infantil, Los diarios de clase, La formación práctica de los profesores I e II, Educación Especial y Formación de Profesores, La calidad en la Educación Infantil, Los tutores en el practicum, La formación práctica de los profesionales: El prácticum, La enseñanza universitaria: el escenario y sus protagonistas, Las competencias docentes del profesorado universitario.

O outorgamento do grao de honra da Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul (Brasil) súmase ao outorgado en 2012 polo Instituto Multidisciplinario mexicano de Especialización de Oaxaca (IME).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2017.