Míguez Macho reivindica os valores que viron nacer a Facultade de Xeografía e Historia na súa toma de posesión como decano

Rememorando os 50 anos de vida da Facultade de Xeografía e Historia, o profesor Antonio Míguez Macho reivindicou no seu acto oficial de toma de posesión ser “herdeiro da gran transformación que se produciu na Universidade nos anos 70” e por iso, manifestou, “non estamos dispostos a permitir a decadencia ou ruína dos valores de servizo docente, da vocación integradora do ensino universitario e da debida ambición investigadora que deron forma a esa revolución”.
“Deixemos que se faga saber dentro e fóra desta Facultade que hai unha nova xeración disposta a afrontar as dificultades, facer os cambios necesarios e comprometernos de novo cos valores que nos fixeron ser hai 50 anos. Hoxe aspiramos a estar á altura unha vez máis”, asegurou na cerimonia, que presidiu o reitor Antonio López no Paraninfo da Universidade.
Míguez Macho dirixiuse a todos os sectores presentes na facultade, dende o PDI con moitos anos de traballo no centro ao que chega de novo, pasando polo persoal de administración e servizos, e con especial atención ao estudantado, “a nosa maior riqueza”. “Loitaremos con toda a nosa forza para que se garantan altos estándares de calidade na docencia que recibides, que as aulas sexan un reflexo da puxante investigación e que a vosa voz teña eco nos diferentes órganos colexiados, pero tamén demandaremos: para aprobar hai que estudar”, díxolles.
Neste senso, tivo tamén referencias á Intelixencia Artificial e o reto da dixitalización, campos nos que a propia facultade foi centro de iniciativas pioneiras na historia, no patrimonio e no territorio, “pero temos que saber diferenciar os desafíos da dixitalización do que é o gran negocio do plaxio, da subtracción ilexítima da propiedade intelectual. Profesorado e estudantado temos que encontrarnos nun novo pacto pola cultura diante de tanta ignorancia disfrazada de tecnoloxía”, manifestou.
Pola súa banda, o seu antecesor no cargo, o profesor Marco García Quintela, reflexionou sobre o traballo realizado durante o seu mandato e os retos futuros e inmediatos do centro, que vinculou coa capacidade de definir unha oferta atractiva no actual contexto demográfico, a posición da facultade no conxunto da Universidade, os retos derivados da intelixencia artificial e o contrato social do centro.
Finalmente interveu o reitor, que, sumándose ao anteriormente dito, vertebrou a súa ollada ao futuro nos cambios demográficos, nas novas tecnoloxías e nas infraestruturas.
Míguez Macho
Antonio Míguez Macho (Santiago de Compostela, 1979) é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e foi investigador postdoutoral en The London School of Economics and Political Science, ademais de contratado Marie Curie e Ramón y Cajal na USC. Na actualidade, é profesor titular de Historia Contemporánea e vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia da USC co actual equipo decanal. Forma parte do Grupo de Investigación HISTAGRA e tamén do CISPAC.
O seu equipo decanal está conformado por Jesús Horacio García García, profesor titular no Departamento de Xeografía; Mª Dolores Barral Rivadulla, profesora titular no Departamento de Historia da Arte, e por Manuel Costa Casais, profesora contratada doutora no Departamento de Xeografía.
Nesta facultade, cunha comunidade de 1.600 persoas, impártense os graos en Historia, Historia da Arte e Xeografía e Ordenación do Territorio, así como sete mestrados e tres programas de doutoramento.

