Ir o contido principal

Mil estudantes da comarca de Ferrol matriculáronse este ano na USC

O reitor Juan Casares entrevistouse co novo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey
O reitor Juan Casares entrevistouse co novo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey

Durante o presente curso, practicamente mil dos alumnos matriculados na USC procedían da comarca de Ferrol, maioritariamente dos concellos de Ferrol (591) e Narón (149). Neste senso, a provincia da Coruña é a que máis alumnos achega á universidade compostelá, 12.119 dun total de 29.533 matriculados. O reitor Juan Casares fixo referencia este venres a estes datos no acto de presentación do proceso de matrícula e oferta académica da USC para 2011-2012 celebrado en Ferrol, na Estación de Bioloxía Mariña da Graña. A USC impartirá o vindeiro curso 2011-2012 nos seus campus de Santiago e Lugo 49 graos, 45 con límite de prazas e outros 4 sen el, ademais de 74 másteres universitarios e tres títulos propios, estes últimos nos eidos da Criminoloxía e a Xestión Hostaleira. A matrícula, que deberá realizarse por internet (www.usc.es/matricula), arrancará para os graos con límite de prazas cun primeiro período do 12 ao 14 de xullo, establecéndose outros dous prazos nese mes e tres máis en setembro. Xa en outubro os alumnos disporán de dúas últimas quendas. Para as titulacións sen límite o período de matrícula estenderase do 7 de xullo ao 9 de setembro. O proceso de matrícula contempla outro prazo no segundo cuadrimestre, do 13 ao 17 de febreiro de 2012. Nos másteres sen límite a matrícula abarcará do 15 de xullo ao 9 de setembro, sendo ese prazo o mesmo para realizar a matrícula provisoria ou solicitude nos posgraos con límite. Os alumnos con estudos estranxeiros deberán solicitar a súa admisión do 15 ao 31 de xullo. Encontro co alcalde Tras o acto de presentación, o reitor Juan Casares mantivo un encontro co alcalde do concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, primeiro que ambos manteñen logo da celebración das pasadas eleccións municipais. Na xuntanza, á que tamén asistiu o director da Estación de Bioloxía Mariña, Victoriano Urgorri, intercambiaron opinións sobre os lazos existentes entre Ferrol e a súa comarca e a USC. A xuntanza serviu tamén para resaltar o importante labor investigador que a Estación da USC desenvolve no eido dos estudos marítimos, de grande relevancia para a comarca ferrolá, así como para resaltar a vontade de ambas institucións de cara á futuras colaboracións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2011.