Ir o contido principal

Máis de mil estudantes da USC poderán estudar o vindeiro curso noutras Universidades españolas

O 22 de febreiro remata o prazo para presentar solicitudes ao Programa SICUE

A Universidade de Santiago de Compostela convoca para o vindeiro curso 2007-08 un total de 1.061 prazas de intercambio con outras universidades españolas no marco do Programa SICUE. Os estudantes interesados poderán presentar ata o 22 de febreiro as súas solicitudes nos Rexistros Xerais da Universidade.
Por medio deste sistema os universitarios poden realizar unha parte dos seus estudos noutra universidade distinta á súa, con garantías de recoñecemento académico e de aproveitamento así como de adecuación ao seu perfil curricular. SICUE ten en conta o valor formativo do intercambio ao facer posible que o estudante experimente sistemas docentes distintos, incluídos o réxime de prácticas así como os distintos aspectos sociais e culturais doutras Autonomías.
A praza de mobilidade SICUE non dará lugar ao aproveitamento de axuda económica aínda que os estudantes si poderán optar a unha bolsa SÉNECA sempre que a nota media do seu expediente académico acumulado sexa igual ou superior a 1,5 puntos en todas as titulacións, salvo nas ensinanzas técnicas que será de 1,2; e que a estanza teña unha duración de 3, 4, 6 ou 9 meses.
Para optar a unha praza SICUE os candidatos deben estar matriculados na USC en estudos de primeiro e segundo ciclo e ter superados un mínimo de 30 créditos e atoparse matriculado en 30 máis nunha titulación de ciclo curto, ou ben nun mínimo de 90 créditos e matrícula en 30 máis no caso das de ciclo longo. Pola súa banda, nos planos non renovados deberán ter superado como mínimo a metade das materias do primeiro curso en titulacións curtas e o equivalente a un curso e medio en Licenciaturas, Enxeñarías ou Arquitecturas, e estar asimesmo matriculado en non menos da metade de materias equivalente a un curso académico.
Puntos de informaciónPara a recollida de impresos ou calquera información relativa a esta convocatoria as persoas interesadas poden dirixirse no Campus de Santiago á Oficina de Relacións Exteriores (ORE) na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Tel. 981584989. e-mail: ore [at] usc.es (ore[at]usc[dot]es)), ou no de Lugo ao Servizo de Alumnado emprazado na Biblioteca Intercentros (981 563100 ext. 23569. e-mail: relext [at] lugo.usc.es (relext[at]lugo[dot]usc[dot]es)).
A Vicerreitoría publicará, logo de finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a relación de admitidos e excluídos no taboleiro da Reitoría e na páxina web da Oficina de Relacións Exteriores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2007.