Máis de mil setecentos alumnos de ensino medio de toda Galicia visitan estes días a Universidade de Santiago
A través dos Encontros na Zona USC, un total de 1.721 estudantes de Ensino Medio de toda Galicia visitan este mércores 2 e xoves 3 os centros da Universidade de Santiago co propósito de obter información de primeira man sobre os estudos que pensan cursar.
Na primeira xornada, pasearon polos campus norte e sur de Santiago preto de novecentos alumnos procedentes de vinte e dous centros de educación secundaria. Destes, trece son da provincia de A Coruña, sete de Pontevedra, un de Ourense e outro de Lugo. Ao día seguinte, máis de oitocentos rapaces de dezasete institutos coñecerán a USC. Por provincias, once centros son coruñeses, cinco pontevedreses e un lucense.
Os estudantes poden escoller os dous días entre tres itinerarios distintos. Pola mañá, saen dous percorridos ás 10:45 das residencias universitarias Burgo das Nacións no campus Norte e Monte da Condesa no Sur. Xa pola tarde, hai ás 16:00 horas un terceiro de carácter máis divulgativo que comprende visitas ao patrimonio histórico da Universidade, ao Museo Luis Iglesias e ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia.