Milagros García e Alicia González Permuy abren este luns na Casa do Saber o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013-2014’

As intérpretes pontevedresas Milagros García Fuentes e Alicia González Permuy abrirán este luns, día 25 de novembro, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013-2014’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan a Deputación e Concello de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago, e que nesta edición outorga un destacado protagonismo ás cinco sonatas para violonchelo e piano compostas por Ludwig van Beethoven.
Este programa de música de cámara, deseñado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Asociación de Violencellistas de Galicia ‘Soncello’, pretende tamén dar unha oportunidade aos novos valores musicais xurdidos en Galicia, novos intérpretes que, ademais de protagonizar os catro concertos programados ata o mes de febreiro de 2014, aproveitarán as súas respectivas actuacións para explicar ao público as motivacións polas que escolleron as composicións que interpretan. A violoncellista Milagros García Fuentes (Lalín, 1990), que logo de rematar en 2012 o grao superior no Conservatorio Superior de Música de Aragón baixo a tutela de Ángel Luis Quintana e Bárbara Switalska, foi galardoada recentemente coa primeira edición do Premio USC-Soncello, e a pianista Alicia González Permuy (Lalín, 1978), formada na L’Escola de Música de Barcelona e no Brabants Conservatorium de Tilburg, en Holanda, e que xa conta cunha ampla experiencia orquestral, abrirán o luns o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013-2014’. O primeiro dos catro concertos deste programa sobre as sonatas para violoncello e piano de Beethoven, inclúe tres composicións e está estruturado en dous actos. Daquela, na primeira parte da súa actuación, García Fuentes e González Permuy interpretarán a Suite para violoncello solo nº3 en do maior, BWV 1009, de Johann Sebastian Bach. A segunda parte do concerto comezará coa interpretación deas 12 variacións opus 66 sobre un tema da Frauta Máxica e rematará coa Sonata para piano e violonchelo en Fa Maior Op. 5, n1, tamén de Ludwig van Beethoven. O concerto de Milagros García Fuentes e Alicia González Permuy é de entrada libre e gratuíta, do mesmo xeito que o resto das actuacións programadas ao abeiro deste ciclo no auditorio da Casa do Saber, cuxo aforo está limitado a uns 100 asistentes. A viloncellista Milagros García e, á dereita, a pianista Alicia González Permuy. Foto: Xaime Cortizo