Milleiros de estudantes de Galicia e Castela e León asistirán en Lugo ao Festival de Teatro Grecolatino
Máis de 4.500 estudantes de Secundaria e Bacharelato dun cento de centros de ensino de Galicia, León, Zamora e Valladolid asistirán ás representacións do X Festival de Teatro Grecolatino que se desenvolverá os días 8, 9 e 10 de marzo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
O Grupo Párodos de Badaxoz e do Grupo Parrocha-Herdeiros de Sardiña da Coruña interpretarán diferentes comedias e traxedias clásicas ás 12:00 e ás 17:00 horas dos tres días que duran o evento. O luns porase en escea ‘Electra’ e ‘Cásina’; o martes ‘Asamblea de mujeres’ e ‘Troyanas’; e o mércores ‘Troyanas’ e ‘Gemelos’.
A organización deste festival corre a cargo da Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC), presidida por Cecilia Criado e formada por profesores do Departamento de Latín e Grego da USC e por profesores de Linguas e Cultura Clásica de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia. Nesta ocasión, os profesores María Teresa Amado e José Ricardo Martín Fernández encárganse de coordinar as actividades.
O Festival de Teatro Grecolatino forma parte da rede de festivais xuvenís integrados na Federación Prósopon, á que tamén pertencen Mérida, Itálica, Sagunto, Baello Claudia, Tarragona, Illas Baleares, País Vasco, Clunia Sulpicia e Zaragoza. Nos últimos dez anos, a labor de Prósopon e da SEEC-Galicia permitiu a máis de 30.000 mozos e mozas achegarse ao teatro en Lugo e a uns 600.000 no conxunto das sedes españolas, o que converte a Prosopón na actividade educativa con maior participación de España.