Ir o contido principal

Milleiros de estudantes de secundaria de toda Galicia visitan esta semana o Campus de Santiago

Preto de 2.700 estudantes de 55 centros de ensino secundario de toda Galicia achegaranse a coñecer esta semana o campus de Santiago. As visitas comezarán este martes 2 e continuarán o mércores e o xoves.

Nos ‘Encontros na zona USC’ que o programa A Ponte desenvolve dende hai anos, mostraráselle ao futuro alumnado o campus no que vai estudar, os centros de estudos, as carreiras, as materias ou as posibles saídas laborais. Pero ademais terá tamén a posibilidade de asistir a unha clase real de primeiro curso e nalgún caso coñecerá laboratorios de clases prácticas.

Ademais dos responsables dos centros de secundaria, nestas visitas participan os titores e titoras do alumnado de primeiro curso que serán os encargados de dirixilos polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC.

Itinerarios
Están deseñados catorce itinerarios, que percorrerán a partir das 10.30 horas os centros do Campus Norte e de Campus Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programadas visitas a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía.

En Campus Vida, con saída á mesma hora dende a Residencia Monte da Condesa, realizaranse visitas a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Química e Física; Óptica e Optometría; e Psicoloxía e Ciencias da Educación.

O programa complétase con visitas, pola tarde, ao patrimonio histórico da USC, o Museo de Historia Natural, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, as residencias universitarias e a Cidade da Cultura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2016.