Ir o contido principal

'Minerva e Marte. O Batallón Literario de 1808', nova exposición no Colexio de Fonseca da USC

A mostra inaugúrase o vindeiro luns 28

Un dos principais expoñentes da organización da sociedade civil na contenda contra as tropas napoleónicas en 1808 foi o alistamento de 1.600 estudantes universitarios que conformaron o Batallón dos Literarios, unha iniciativa xurdida no seo da universidade compostelá.
Rememorando este acontecemento, a Vicerreitoría de Cultura da USC, coa co-organización da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), adscrita ao Ministerio de Cultura, inaugurará a vindeira semana, o luns 28, a exposición ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’.
A mostra, que pretende recoller e analizar os principais acontecementos acaecidos ao redor deste Batallón universitario, toma o seu nome dun texto que os soldados portaban nunha cinta do seu uniforme na que se podía ler “Por rescatar a Fernando y acabar con Bonaparte uniose Minerva a Marte”.O núcleo principal da exposición, que se poderá visitar nas salas do Colexio de Fonseca, procede do propio Arquivo Universitario co estandarte do Batallón como eixe simbólico do proxecto. Este estandarte foi restaurado para a ocasión pola conservadora especializada en tecidos Camino Fernández Represa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2008.