Ir o contido principal

O ministro Ángel Gabilondo inaugura o luns en Santiago a Conferencia sobre Universidades emprendedoras

Un encontro organizado pola Presidencia Española da Unión Europea

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, visitará a Universidade de Santiago o vindeiro luns no marco da Conferencia sobre Universidades emprendedoras que, organizada pola Presidencia Española da Unión Europea, terá lugar na cidade os días 22 e 23 de marzo.
O titular do Ministerio, acompañado do reitor da USC, Senén Barro, realizará ás 12:30 horas unha visita ao CIQUS (Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), un dos centros que forman parte do Campus Vida da USC.
De aí trasladaranse, ás 13:00 horas, ao Edificio Emprendia, sede do Programa Uniemprende para a promoción do espírito empresarial na USC. Neste centro, recentemente inaugurado, o ministro coñecerá de primeira man a misión da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía, a incubadora de spin-offs Uninova, as instalacións de Unirisco e Uninvest e as de Woman Emprende, programa dirixido á muller emprendedora.
ConferenciaLogo desta visita por Campus Vida o ministro e o reitor, xunto co resto de autoridades, acudirán ao Colexio de Fonseca para inaugurar, ás 15:00 horas no Salón Nobre, a Conferencia de Universidades Emprendedoras. Participan ademais neste acto de apertura o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga.
A conferencia xurde en torno á necesidade de fortalecer a achega das universidades á innovación e á iniciativa empresarial responsables co fin de construír unha sociedade do coñecemento enmarcada nun novo modelo de crecemento económico sustentable. Con este propósito, no encontro examinaranse as tendencias máis recentes en canto á valorización dos resultados de investigación, patentes universitarias e o camiño que leva a estratexia de innovación que combina a oferta tecnolóxica coa demanda do mercado.
Analizaranse as experiencias e modelos máis eficaces xa existentes, tanto na UE en xeral como nos ámbitos estatal e autonómicos, co propósito de profundar no papel dos parques científicos e tecnolóxicos das universidades, nos modelos para mellorar a cooperación coa empresa ou na xestión dos dereitos de propiedade intelectual por parte das universidades, entre outras cuestións.
Programa do lunsLogo da inauguración oficial intervirá, ás 16:00 horas, o secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Màrius Rubiralta, para explicar o programa español de ‘Campus de Excelencia Internacional’. Seguiralle a directora xeral da Comisión Europea de Educación e Cultura, Belén Bernardo de Quirós, cun relatorio sobre a relación entre Universidade e empresa. A achega das universidades á innovación será a cuestión a tratar polo director do programa de investigación ‘Políticas Públicas para a Calidade Académica’ da Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill, David D. Hill.
A sesión do luns rematará cunha mesa redonda sobre a valorización dos resultados de investigación e financiamento na que participarán Luis Delgado, da Presidencia española; Chris Moody, asesor xefe de ISIS INNOVATION OXFORD; e José Luis Villaverde, director asociado do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da USC.
Programa do martes 23A segunda e última xornada da Conferencia desenvolverase enteiramente no Centro de Estudos Avanzados da USC (Parque Vista Alegre, rúa Salvadas s/n). Comezará coa intervención do presidente da Asociación Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos, Joan Bellavista, para continuar con dúas mesas redondas sobre responsabilidade emprendedora e políticas e instrumentos para o intercambio de coñecemento e unha derradeira de presentación de conclusións. A clausura terá lugar ás 14:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2010.