O ministro de Cultura e o reitor da USC inaugurarán o vindeiro luns a mostra 'Minerva e Marte. O Batallón Literario de 1808'
Un dos principais expoñentes da organización da sociedade civil na contenda contra as tropas napoleónicas en 1808 foi o alistamento de 1.600 estudantes universitarios que conformaron o Batallón dos Literarios, unha iniciativa xurdida no seo da universidade compostelá.
Rememorando este acontecemento, o ministro de Cultura, César Antonio Molina, e o reitor da USC, Senén Barro, inaugurarán o vindeiro luns 28 a exposición ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’, nun acto no que estarán acompañados polo presidente da Real Academia Galega e comisario da mostra, Xosé Ramón Barreiro; polo vicerreitor de Cultura, Elias Torres; e pola directora de proxectos da SECC, Carlota Álvarez Basso. A inauguración celebrarase a partir das 11:30 horas no Colexio de Fonseca, sede da exposición.
O núcleo principal da exposición, que co-organizan a Vicerreitoría de Cultura da USC e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) adscrita ao Ministerio de Cultura, procede do propio Arquivo Universitario co estandarte do Batallón como eixe simbólico do proxecto. Este estandarte foi restaurado para a ocasión pola conservadora especializada en tecidos Camino Fernández Represa.
A mostra, que pretende recoller e analizar os principais acontecementos acaecidos ao redor deste Batallón universitario, toma o seu nome dun texto que os soldados portaban nunha cinta do seu uniforme na que se podía ler “Por rescatar a Fernando y acabar con Bonaparte uniose Minerva a Marte”.