Ir o contido principal

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública coñeceu in situ a actividade científica punteira do CiTIUS

O ministro xunto co reitor e autoridades asistiron a unha demostración no laboratorio de Robótica. Foto: Santi Alvite
O ministro xunto co reitor e autoridades asistiron a unha demostración no laboratorio de Robótica. Foto: Santi Alvite
Coñeceu en detalle as instalacións e os últimos proxectos conseguidos polo centro, entre eles dúas novas cátedras universidade-empresa lideradas polo CiTIUS e financiadas polo propio ministerio

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, visitou este mércores o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC acompañado polo reitor Antonio López, o director científico do centro, Senén Barro.

Escrivá destacou nun encontro cos medios de comunicación “todo o potente ecosistema arredor da Intelixencia Artificial en Galicia”, e en concreto sobre o traballo do CiTIUS puxo de relevo o “moi relevante esforzo” no campo do desenvolvemento de modelos de IA, algo no que está a traballar o Ministerio que dirixe tanto no que ten que ver coa busca de modelos “máis transparentes, máis  éticos” como en proxectos relacionados coa lingua, cunha referencia especial ao traballo do CiTIUS e do ILG no “exitoso Proxecto Nós”.

O ministro tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións do CiTIUS, onde o persoal investigador principal lle explicou as súas potencialidades e os proxectos que alí se desenvolven. En concreto, fixo un percorrido por varios laboratorios do centro, entre eles o de Realidades Intanxibles, dirixido por David Glowacki, o de Microelectrónica, baixo a supervisión de Diego Cabello e Paula López Martínez, e o de Robótica, liderado por Roberto Iglesias, Juan Antonio Corrales, Alejandro Catalá e Nelly Condori.

A continuación, o ministro asistiu a unha sesión de presentación da actividade do centro, das novidades e  dos novos proxectos de investigación de alto impacto. Así, o profesor Senén Barro explicou os pormenores das dúas novas cátedras de investigación financiadas polo Ministerio de Transformación Dixital: a Cátedra USC-Plexus Tech en Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión que el mesmo dirixe, e a Cátedra USC-Televés en deseño microelectrónico da que é directora Paula López Martínez.  

Precisamente, o ministro puxo estas cátedras “moi innovadoras” no foco da súa intervención. “Para que sexan sostibles no tempo é moi importante que se traballe, como se fai neste caso e o que as converte nalgo singular, na transferencia de coñecemento e na aplicación dos desenvolvementos científicos útiles traballando directamente coas empresas”. Para Escrivá, as cátedras do CiTIUS da USC “son o mellor exemplo de como dende a Universidade se pode traballar dunha forma transformadora para que toda a investigación remate nun beneficio directo á sociedade”.

A rolda de presentacións continuou co proxecto HYBRIDS, a cargo do seu investigador principal, Pablo Gamallo; o innovador uso da realidade virtual en tratamentos paliativos liderado por David Glowacki; e o proxecto RePowerSiC de Natalia Seoane Iglesias, enfocado en tecnoloxías de transferencia de enerxía para a exploración espacial.

 

O ministro atendeu os medios de comunicación no CiTIUS. Foto: Santi Alvite
O ministro atendeu os medios de comunicación no CiTIUS. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2024.