Ir o contido principal

O ministro de Xustiza pronuncia a lección inaugural do curso da Escola de Práctica Xurídica

O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño Domínguez, pronunciará o vindeiro luns 14 a lección inaugural do curso da Escola de Práctica Xurídica de Santiago (EPX) co título ‘A modernización da Xustiza en España'.
A lección de Francisco Caamaño forma parte do acto inaugural do curso da EPX, que presidirá o reitor compostelán Senén Barro, a partir das 18:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Nel, intervirán ademais o director da Escola, Lotario Vilaboy; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a decana do Colexio de Procuradores da cidade, Soledad Sánchez Silva; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira Pol.
Con anterioridade á celebración deste acto, o ministro de Xustiza asinará no despacho reitoral do Colexio de San Xerome no Libro de Honra da Universidade compostelá.
A Escola de Práctica Xurídica, dependente da USC e dos colexios de Avogados e Procuradores, ten como finalidade a formación práctica dos licenciados en Dereito que desexen exercer as profesións de avogado ou procurador así como a formación continua destes profesionais. Trátase dunha das escolas do seu ámbito máis prestixiosas de toda España, de feito o seu modelo de colaboración institucional foi o escollido polo lexislador español na Lei 36/2006, reguladora do acceso ao exercicio profesional na Avogacía e a Procuraduría.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2009.