Ir o contido principal

Os ministros de Educación e Xustiza visitaron o Campus de Excelencia Internacional da USC

Os ministros de Educación e Xustiza visitaron o Campus de Excelencia Internacional da USC
Os ministros de Educación e Xustiza visitaron o Campus de Excelencia Internacional da USC

Os ministros de Educación e de Xustiza, Ángel Gabilondo e Francisco Caamaño, visitaron este mércores o Campus de Excelencia Internacional da USC, recentemente recualificado con referencia global, acompañados do reitor Juan Casares, quen mostrou a súa satisfacción porque os membros do Executivo verificasen que na USC “se fan as cousas ben pasando, como neste caso, do papel á realidade” e que Campus Vida “xa é un verdadeiro bioclúster de referencia internacional nos eidos das ciencias da vida”. Ese bioclúster ao que se referiu o reitor viuse reforzado co impulso da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC que integra cincocentros especializados en diferentes ámbitos complementarios das Ciencias da Vida e organizados para garantir o equilibrio produtivo entre excelencia científica e impacto socioeconómico. Compoñen a rede os centros xa existentes de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS); o de Tecnoloxías da Información (CITIUS) actualmente en construción; e os futuros de Biomedicina Experimental (CEBEGA) e de Investigacións Físicas. Todos eles comparten unha coherencia temática e un modelo organizativo e de xestión homologable ao que se pode atopar en centros de referencia nacionais e mundiais e que define a vocación do Campus de Excelencia Internacional da USC. Esta foi unha das claves que permitiu á USC acadar o maior recoñecemento do Ministerio no apartado de investigación e transferencia e da que hoxe Ángel Gabilondo deu fe, comprobando a madurez dun proxecto que o seu departamento avalou como referente internacional no eido das ciencias da vida. En apenas dous anos Campus Vida madurou de maneira exemplar sumando as capacidades dos seus xa máis de trinta socios en diversos ámbitos, entre eles o Sergas, o CSIC, o Concello de Santiago, o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía en Braga (Portugal) e un nutrido grupo de empresas do sector biotecnolóxico. Os ministros coñeceron este mércores polo miúdo as instalacións do primeiro centro desta rede que entrou en funcionamento, o CIQUS. Participaron na visita os vicerreitores de Investigación e Innovación e de Titulacións e PDI, Francisco González e Carmen Fernández, respectivamente; a directora do CIQUS, Dolores Pérez Meirás, e os seus homólogos do CIMUS, Carlos Diéguez, e do CITIUS, Paulo Félix.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2011.