Ir o contido principal

As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela ocuparán o Colexio de Fonseca a vindeira semana

A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago inaugurará o vindeiro xoves, día 28, ás 19:30 horas no Colexio de Fonseca, a exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela, produción da Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galegas, as consellarías de Educación e Cultura e a obra Social de Caixa Galicia.
A mostra susténtase nun intenso labor de documentación que levou a cabo Ricardo Gurriarán, o seu comisario, que tirou información de numerosos arquivos ademais das duascentas horas de gravación que realizou aos protagonistas da época.
Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a USC, chégase na montaxe a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudiantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista.
De xeito paralelo á mostra, que se poderá visitar ata o 27 de marzo, organizaranse outros actos como sesións de cineclub, unha mesa redonda con protagonistas dos acontecementos e presentacións de libros. Xa en decembro celebrarase un concerto conmemorativo do nacemento de Voces Ceibes, que tivo a súa primeira aparición pública hai corenta anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2008.