Ir o contido principal

O modelo turístico desexable é o que se desenvolve dende a preservación do comercio tradicional e as súas relacións coa poboación local, conclúe a Rede Galabra

O informe presentárono en Compostela algúns dos seus autores. Foto. Santi Alvite
O informe presentárono en Compostela algúns dos seus autores. Foto. Santi Alvite
O grupo universitario de investigación presentou novos resultados do estudo sobre a percepción de comerciantes e visitantes da actividade comercial en Compostela en relación ao turismo

A Rede Galabra da Universidade de Santiago presentou este mércores, nunha xornada organizada pola Cámara de Comercio de Santiago,  novos resultados da investigación que levan desenvolvendo dende 2008 a respecto da percepción de comerciantes, cidadanía e visitantes coa actividade comercial e económica da cidade compostelá, sobre todo a vinculada ao turismo.

Esta presentación focalizouse concretamente na perspectiva do comercio, con novas remesas de datos recollidas a comerciantes entre o 2 de novembro e o 20 de decembro de 2023 e a visitantes entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023.

As conclusións do estudo explicáronas polo miúdo na Sede Afundación de Santiago algúns dos autores do estudo da Rede Galabra, o catedrático da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC e decano da Facultade de Filoloxía da USC, Elias José Feijó Torres; a vicedecana de captación, empregabilidade e mobilidade da Facultade de Dirección e Xestión Pública da UVigo, Sara Torres Outón; e o profesor do Departamento de Bioloxía Funcional da USC e subdirector de Prácticas en empresas e mobilidade da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Emilio Carral Vilariño. O acto contou tamén coa presenza do reitor Antonio López, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.

Clientela maioritariamente local
Segundo o informe presentado, os comerciantes aseguran que a súa clientela segue a ser maioritariamente local e é esta tamén a clientela máis desexable. Ademais, preto do 60 por cento opina que non hai diferenza de gasto medio entre visitantes e clientes locais. E se, en xeral, gusta o tipo de turista que recibe Santiago, curiosamente case o 50% asegura que mesmo así preferirían outro tipo de turista.

Por último, de maneira abrumadora (o 95%) o sector compostelá do comercio rexeita que a zona vella se reserve para o turismo, “aínda que comeza a haber voces que se senten incomodadas co turismo ao extremo de preferir reservala para el”, advirte o profesor Feijó.

Diferenza entre perspectiva e realidade
Da pescuda realizada ás persoas visitantes, despréndese que o 77% non eran peregrinos, e dos que si se declaran así, a porcentaxe máis elevada corresponde a persoas chegadas do resto do Estado.

Os investigadores ven ademais unha clara diferenza entre perspectiva e realidade: se ben un 98% declara ter a intención de comer, só o 13% responde á pregunta de que efectivamente comeron. A mesma tendencia dáse para o tipo de comida: se a expectativa é de que máis do 45% coman polbo, marisco e pratos típicos, a realidade é que menos do 30% optan finalmente por estes produtos e si por outros como masa, pizza, hamburguesas ou tortilla.

Da enquisa infírense outros datos de interese, como que a metade das persoas visitantes pasan en Compostela un máximo de 48 horas (o 37% entre 48 e 96 horas) ou o moi baixo coñecemento previo da gastronomía da cidade (0,97%).

Con respecto ao gasto, a media por estadía por persoa en restauración é de 86 euros, sendo, dentro da mostra, o visitante brasileiro quen máis gasta (124 euros de media). Do total, só o 21% declara ter gastado en actividades culturais (un  total de 17 euros).

Máis dunha década de investigación
A Rede Galabra comezou no ano 2008 a investigar, co apoio da Dirección Xeral de Turismo, a narrativa sobre a cidade de Santiago e o impacto na relación visitante-habitante-comercio. Posteriormente, proseguiu con dous proxectos financiados pola AEI -‘Discursos, imaxes e prácticas culturais sobre Santiago de Compostela como meta dos Camiños’ de Santiago’ (2012-2016) e ‘Narrativas, usos e consumos dos visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: o caso de Santiago de Compostela (2018-2022)’- e, recentemente, con fondos da Xunta de Galicia no programa de consolidación de estruturas de investigación.

Os primeiros resultados deste proxecto de investigación presentáronse en 2013. Posteriormente, e alén de varios volumes publicados, en 2019, a USC e o Concello de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración para a exposición dos resultados  correspondentes aos períodos 2013/2015 e 2018.

Nesa mostra reflectíanse os resultados do estudo, que implica persoas de nove universidades diferentes para analizar as imaxes e as prácticas referenciadas en Santiago, tanto dos propios habitantes da cidade como dos seus visitantes. No referido a visitantes, a investigación centrouse nas persoas procedentes de Galicia, doutras comunidades do Estado español e de Portugal e Brasil, por seren estes dous os primeiros países europeo e non europeo en número de visitantes na altura do comezo da investigación.

Segundo explica Elías Torres, director do proxecto, o obxectivo da investigación é "contribuír a repensar Compostela a partir da propia reinvención da cidade nos últimos anos, fundamentalmente ao redor do Camiño de Santiago e do fenómeno do turismo a el vinculado".

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2024.