Un módulo de emprendemento impartido pola Escola de Organización Industrial reúne 17 titulados no Cactus

Un total de dezasete titulados universitarios matriculados na actualidade nalgún dos distintos másteres ofertados pola Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo participan este venres na segunda sesión formativa do programa Iniciativa emprendedora, promovido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en colaboración coa Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.
Este módulo formativo, organizado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, está impartido por profesionais da Escola de Organización Industrial e dirixido a estudantes de posgrao, celébrase por vez primeira no campus de Lugo. As distintas sesións programadas teñen lugar no edificio Cactus, que todos os venres deste mes de abril e tamén de maio acubillará as sesións presenciais deste módulo. O obxectivo desta iniciativa formativa e favorecer o coñecemento do proceso de creación de empresas e achegar a cultura e a figura do emprendedor aos titulados universitarios. As distintas sesións teóricas programadas, que serán impartidas por profesionais da Escola de Organización Industrial, abranguen contidos que van desde o ecosistema do emprendedor ata a presentación de proxectos. Os poñentes da Escola Oficial de Industria convidados a participar como relatores neste programa, que logo tamén se impartirá no campus de Compostela, abordan cuestións ás tendencias do emprendemento, o interese do seu entorno, os valores do emprendedor e o cambio cultural. Os procesos de innovación e emprendemento, así como as técnicas de planificación e configuración dos novos negocios, constitúen outros dos temas a tratar neste curso, no que os seus relatores tamén darán as claves para que a presentación de proxectos sexa eficaz.