Mohamed ElBaradei, gañador do XIV Premio Internacional do Grupo Compostela-Xunta de Galicia
O xurado do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, reunido este venres no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, acordou por unanimidade concederlle o galardón a Mohamed ElBaradei como recoñecemento á súa carreira diplomática a cargo de diversos asuntos de índole política, legal e de defensa da paz. O premiado destaca tamén pola súa loita a favor dun uso racional da enerxía nuclear, nun entorno pacífico e da forma más segura posible.
Mohamed ElBaradeiElBaradei é licenciado en Dereito pola Universidade do Cairo e doutor na mesma materia pola New York School of Law. Ao longo da súa carreira destacan os seus postos diplomáticos en diversos Ministerios e Organizacións Internacionais. En 1984, ElBaradei converteuse en membro da Secretaría da IAEA, exercendo primeiro como asesor legal e máis tarde como asistente director xeral para as relacións externas. En outubro de 2005, ElBaradei e a IAEA foron anunciados conxuntamente como gañadores do Premio Nobel da Paz polos seus “esforzos para evitar que a enerxía nuclear se utilice con fins militares”. É tamén membro da Asociación de Dereito Internacional e da Sociedade Americana de Dereito Internacional.
O xuradoO xurado deste ano estivo presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, por delegación do presidente da Xunta de Galicia; e composto ademais polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e o reitor da Universidade de Xaén, Manuel Parras Rosa. Os reitores das Universidades de Lima (Perú) e Bergen (Noruega), os profesores Ilse Wisotzki Loli e Sigmund Gronmo, excusaron a súa asistencia e delegaron o seu voto en van Rooijen. Como secretaria participou Beatríz Iglesias, secretaria executiva do Grupo Compostela.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio que valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente. O galardón está dotado con 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.
Na anterior edición o premiado foi o escritor e xornalista libanés Amin Maalouf, cuxa obra está marcada polas experiencias da guerra civil e a inmigración. En ocasións anteriores o Premio foille concedido a Jacques Santer, ex presidente da Comisión Europea; Václav Havel, presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling; o escritor neerlandés Cees Nooteboom; a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte; o arquitecto portugués Álvaro Siza; o investigador e catedrático da USC, Manuel Díaz y Díaz; o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler; o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski; o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia; o investigador Manuel Castells e Canal Arte, que nace en 1991 por iniciativa de las cadeas públicas de televisión de Francia e Alemaña.