Ir o contido principal

Monográfico extraordinario de Dereito. Revista Xurídica da USC en homenaxe a António Cândido Macedo de Oliveira

A presentación celebrouse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC
A presentación celebrouse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC

O profesor da USC e director do Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP), Marcos Almeida, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentaron este mércores na Facultade de Dereito da USC o número monográfico extraordinario da Revista Dereito. Revista Xurídica da USC en homenaxe ao profesor António Cândido Macedo de Oliveira, presidente da Asociaçao de Estudos de Direito Regional e Local (AEDREL), que estivo presente no acto.

O profesor António Cândido de Oliveira licenciouse en Dereito na Universidade de Coimbra e obtivo o grao de doutor en Ciencias da Administración na Universidade do Minho, onde logo foi profesor en Dereito Público, área na que é unha referencia dentro e fóra de Portugal, especialmente no Dereito Administrativo e máis concretamente no municipalismo europeo.

A revista
Dereito: revista xurídica da Universidade de Santiago de Compostela foi fundada en 1992 con carácter semestral. Aparece indexada en International Political Science Abstracts, Political Science Complete, ERIH+, Sociological Abstracts (Select.), Worldwide Political Science Abstracts, SocINDEX, Scopus (discontinua), Fuente Académica Premier, Academic Search Complete, Current Abstracts, TOC Premier, ISOC, ULRICH, DIALNET, e está presente no 38,09% das universidades españolas coa titulación.

No índice RESH Dereito sitúase entre as revistas españolas de ciencias xurídicas de maior impacto, medido coa taxa de citación que se calcula en función das citas nas principais revistas científicas españolas e as recibidas en Web of Science.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2016.