Ir o contido principal

Un monólito lembra no Monte Cido do Courel a aparición da escritura en Galicia e a súa entrada na Historia

Inauguración do monumento conmemorativo do primeiro fito histórico de Galicia no Monte Cido do Courel
Inauguración do monumento conmemorativo do primeiro fito histórico de Galicia no Monte Cido do Courel
A instalación dun monumento conmemorativo do primeiro fito histórico de Galicia xurde a iniciativa do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC

Un monólito lembra na Monte Cido do Courel a aparición das primeiras mostras de escritura documental romana no Noroeste peninsular e a conseguinte entrada na Historia desta rexión da Hispania. A colocación do monumento inaugurado este venres responde a unha iniciativa promovida polo catedrático e profesor ad honorem da USC e impulsada a través do Centro de Estudos de Historia da Cidade, unha plataforma ou centro de investigación da USC con sede na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.

O obxectivo desta actuación é o de difundir e poñer en valor os tres documentos escritos máis antigos da primitiva Gallaecia, dous dos que se atoparon a mediados do século XX nesta zona do municipio de Folgoso do Courel, mentres que o terceiro apareceu nas proximidades da veciña localidade leonesa de Bembibre, segundo indicou a catedrática de Historia da Arte da USC Ana Goy Diz.

A tamén directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC salientou que o monumento inaugurado este venres en Folgoso do Courel serve para recoñecer a importancia do achado dos primeiros documentos escritos no noroeste peninsular de Hispania, xa que , “aínda que poida parecer anecdótico, este feito supuxo para o territorio da Gallaecia o paso da Prehistoria á Historia”.

“Estamos a falar do primeiro fito histórico de Galicia, un feito transcendental que precisamente tivo lugar na provincia de Lugo, nunha enclave montañoso moi próximo coas terras bercianas”, engadiu Goy Diz. Esta profesora considera asemade “sumamente interesante” poder reflexionar sobre a aparición da escritura en Galicia 2.000 anos despois e cando nos atopamos na plena era dixital.

Alén do simbolismo, a catedrática de Historia da Arte da USC explicou asemade que os primeiros escritos atopados achegan información útil e de interese respecto de como se produciu a chegada dos romanos a Galicia. Daquela, indica Goy, os escritos plasmados nas táboas de bronce aluden a pastos de hospitalidade entre os romanos e a poboación que xa ocupaba os castros. “É dicir, estes pactos de hospitalidade apuntan cara unha colonización de amizade, non só unha invasión pola forza”, comentou.

O acto de inauguración do monólito conmemorativo do primeiro fito histórico de Galicia no Monte Cidro congregou este venres en Folgoso do Courel unha nutrida comitiva que estivo encabezada pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e da que ademais dos promotores desta iniciativa, Antonio Rodríguez Colmenero e Ana Goy Diz, tamén formaron parte o vicedecano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez; a Xefa Territorial en Lugo da Consellería de Cultura, María José Gómez; profesionais e responsables do Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, ademais doutros autoridades políticas castelás.

Antes da posta de largo en Monte Cido do monólito conmemorativo, unha peza granítica que inclúe simboloxía alusiva a vencedores e vencidos, ademais dun placas de latón análogas ás achadas de bronce, as persoas que tomaron parte neste acto participaron nunha sesión informativa celebrada nas instalacións da Estación Científica do Courel. Neste acto interviñeron, ademais de Colmenero e Goy Diz, o director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e a alcaldesa do Courel, Dolores Castro.

Rodríguez Colmenero, a carón do monólito conmemorativo De esquerda a dereita, Rigueiro, Goy, Castro e Rodríguez Colmenero, na Estación Científica do Courel

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2018.