Unha mostra no Aquarium Finisterrae presenta o traballo de investigadores coruñeses e composteláns na busca de novos compostos antibacterianos
Unha investigación da USC desenvolvida en colaboración coa Universidade da Coruña figura nunha mostra presentada recentemente no Aquarium Finisterrae (Casa dos peixes). O traballo realizado polo equipo do profesor Manuel Lemos, do grupo de Patoloxía na Acuicultura do Instituto de Acuicultura da USC, en colaboración co do profesor da UDC Carlos Jiménez, persigue o desenvolvemento de novos compostos antibacterianos para a súa aplicación nos sistemas de cultivo de peixes. A investigación, financiada por varios proxectos do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Xunta de Galicia, trata de deseñar novos antibacterianos baseados en compostos naturais, que se denominan sideróforos, que son sintetizados polas bacterias mariñas patóxenas e que lles permiten obter o ferro que necesitan para multiplicarse. Os derivados sintéticos destes compostos con actividade antibacteriana poderían utilizar vías naturais de entrada nas células -utilizando a denominada estratexia do Cabalo de Troia- polo que poderían ser moito mais eficaces e selectivos que os antibióticos tradicionais. Os dous grupos, un de Microbioloxía e outro de Química Orgánica, colaboran dende hai varios anos e xa acadaron a identificación e caracterización estrutural de varios sideróforos producidos por bacterias mariñas patóxenas para peixes.