Ir o contido principal

Unha mostra no Colexio de Fonseca conmemora o 90 aniversario da primeira edición dos 'Seis poemas galegos' de Lorca

Na exposición exhíbense os dous exemplares que a BUSC posúe da edición prínceps dos 'Seis poemas galegos'. FOTO: Santi Alvite
Na exposición exhíbense os dous exemplares que a BUSC posúe da edición prínceps dos 'Seis poemas galegos'. FOTO: Santi Alvite
A exposición pode visitarse no Claustro Alto ata o 28 de novembro, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas
Santiago de Compostela

“Federico García Lorca, un poeta universal que levanta paixón en todo o mundo, veu a nós, elixiu a lingua galega como único idioma diferente á súa lingua materna no que escribir os seus versos”. Así definiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, o estreito vínculo de Lorca con Galicia. Tomando como alicerce a obra en galego do poeta granadino, a exposición 'Lorca e Galicia: 90 aniversario da primeira edición de Seis poemas galegos' botou a andar este mércores  22, no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, para “poñer de relevo a beleza e singularidade destes versos pero tamén o patrimonio bibliográfico que ten a propia Universidade”, destacando —tal e como lembrou no acto inaugural Mabela Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria da USC— os dous exemplares que a Universidade de Santiago de Compostela conserva da primeira edición deste emblemático título e que agora fican expostos ante o público. 

Esta mostra permite, continuou Mabela Casal, “manter viva a pegada de Lorca en Galicia”, pero tamén “acompañar os valores da nosa Universidade como a recuperación da memoria silenciada”. A exposición vincúlase coa celebración do 'Día de Lorca en Galicia', proposto polo editor Henrique Alvarellos para o 25 de outubro, en lembranza da visita do poeta a Galicia. De feito, tal e como recordou a coordinadora da exposición, Cristina Cabada Giadás, foi unha intervención pública do propio Alvarellos, na que lembraba o 90 aniversario desta primeira edición, a que serviu de xermolo para esta mostra que pretende “chamar a atención sobre a obra de Lorca en Galicia” pero que tamén sitúa o foco “no extenso fondo galego da nosa Biblioteca”. Cabada Giadás destacou que esta iniciativa rememora o legado lorquiano en lingua galega pero tamén pon en valor a figura do seu editor, Ánxel Casal, asasinado tamén en 1936 polo bando sublevado contra o goberno electo da Segunda República. Esta mostra é pois, engadiu, “unha oportunidade para reivindicar dous seres bos e xenerosos”.

O 25 de outubro de 1916, Federico García Lorca pisaba Galicia por primeira vez. Esta viaxe, lembrou Henrique Alvarellos, fixo que escribise no seu diario “esto me hipnotiza”.  Esta frase evidencia “a fascinación de Lorca pola nosa cultura”. Para Henrique Alvarellos, Federico García Lorca debe ser considerado, ademais de integrante da xeración do 27, como parte da xeración galega de 1925. O autor da obra Federico García Lorca en Santiago de Compostela profundou na admiración do granadino por todo o que tiña que ver con Galicia e recordou que escribiu os seus primeiros versos con “Follas Novas ao seu lado”. O acto concluíu cun recital dos Seis poemas galegos no que tamén interveu a deputada provincial, Natividade González. 

Estrutura

A mostra está estruturada entorno a seis eixos: 'As viaxes: o músico vólvese poeta'; 'As amizades galegas'; 'Colaboradores directos na xénese dos Seis Poemas Galegos e na edición de 1935'; 'Relación de Lorca coa cultura galega'; 'Prodixio e misterio: falan os protagonistas' e 'No ronsel de Nós: novas edicións de Seis Poemas galegos'. Diversas vitrinas con exemplares, fotografías, ou recortes de prensa, entre outros elementos, compoñen o material exposto do que tamén forman parte diversos paneis informativos e un mapa cartográfico con bibliotecas do mundo que posúen a edición de 1935, incluíndo a procedencia dos exemplares nos casos nos que é posible.

Na exposición exhíbense os dous exemplares que a BUSC posúe da edición prínceps dos Seis poemas galegos, así como numerosos documentos que amosan a pegada que deixou Lorca en gran parte da intelectualidade galega da década de 1930, coa que o poeta granadino se relacionou tanto en Madrid como en Galicia. Tamén están incluídas  na mostra outras edicións en distintos formatos dos Seis poemas galegos que forman parte  do fondo da BUSC. De especial relevancia e interese, xa que foi publicada só tres anos despois da edición de Ánxel Casal e en plena Guerra Civil, é a edición realizada en Bos Aires pola editorial Losada.

Dende a BUSC tentouse localizar exemplares da primeira edición de 1935, tanto os que están custodiados en institución públicas como os que forman parte de coleccións privadas. Se, como se pensa, da primeira edición só se tiraron 200 exemplares teríanse localizado neste traballo un 15% do total (32 volumes). Por outra banda, se houbo unha destrución ou incautación de libros en Santiago realizada por partidarios da sublevación militar e entre eles había exemplares da obra galega de Lorca, a cifra podería ter incluso maior relevancia.

Entre os posuidores de exemplares cuxa referencia foi compilada figuran dous estreitos amigos galegos de Lorca (Carlos Martínez Barbeito e Eduardo Blanco Amor), así como outros persoeiros galegos dos que consta a súa relación directa co poeta, ben por convivir con el en Madrid (Jesús Bal y Gay), ben porque o frecuentaron nas súas viaxes a Galicia (Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell). Na nómina de posuidores figuran tamén dous galegos contemporáneos de Federico dos que non consta relación directa con el (Isidro Parga Pondal e Xosé Ramón Fernández-Oxea, popularmente coñecido como Ben-Cho-Shey). Tanto a exposición como o mapa poderán ser consultados de xeito virtual nunha guía realizada pola biblioteca e que está accesible a través de códigos QR. A exposición pode visitarse do 22 de outubro ao 28 de novembro de 2025, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

De esquerda a dereita, Cristina Cabada, Natividade González, Pilar Murias, Mabela Casal e Henrique Alvarellos. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Cristina Cabada, Natividade González, Pilar Murias, Mabela Casal e Henrique Alvarellos. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2025.