Ir o contido principal

Unha mostra no Colexio de Fonseca recrea o universo íntimo de Ramón María del Valle-Inclán

A sección III da mostra contén efixies e caricaturas de Valle-Inclán. FOTO: Santi Alvite
A sección III da mostra contén efixies e caricaturas de Valle-Inclán. FOTO: Santi Alvite
Boa parte do patrimonio artístico que o autor albergaba no seu domicilio nutre esta mostra que poderá visitarse ata o vindeiro 1 de abril e que establece un diálogo con materiais documentais asociados ao escritor, entre os que se atopan manuscritos do seu puño e letra
Santiago de Compostela

Asomarse ao mundo persoal de Ramón María del Valle-Inclán a través de boa parte do patrimonio artístico que albergaba no seu domicilio, situado no número 5 da madrileña rúa Francisco de Rojas, é o que persegue a mostra ‘Valle-Inclán íntimo’, inaugurada este xoves 9 no Colexio de Fonseca e que se nutre da colección particular dos irmáns Valle-Inclán Alsina, Fernando, Miguel e Javier. Obra pictórica, escultórica, debuxos, caricaturas, retratos de sinaturas coñecidas —moitas delas pezas dedicadas polos seus autores—, así como outros obxectos persoais, “obxectos de culto”, en palabras dos organizadores da mostra, pero tamén mobiliario seleccionado polo seu valor artístico ou persoal integran esta exposición que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 1 de abril. 

O reitor da USC, Antonio López, presidiu o acto inaugural que contou coa participación dos comisarios da mostra, Margarita Santos Zas, Javier del Valle-Inclán Alsina e José Manuel López Vázquez; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; e o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela Conde. 

O reitor puxo o foco en como a mostra permitirá profundar “no universo que creou Valle, na súa conexión coa cultura e en todo ese momento que a el lle tocou vivir”. Antonio López aproveitou a súa intervención para subliñar o rol da universidade como “espalladora de coñecemento e cultura”. Pola súa parte, a directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, destacou que esta é a quinta mostra que a USC dedica á figura de Valle, do que dixo “non é un autor, é toda unha época”, para despois afondar na súa “inesgotable” figura.

“Todo o que toca Valle ten unha gran repercusión e atractivo”, afirmou Román Rodríguez quen tamén reflexionou na importancia do papel da cultura “para facernos como somos”. Mercedes Rosón definiu a Valle-Inclán como probablemente “o noso autor máis universal” co que tanto Galicia como a cidade de Santiago de Compostela están en débeda. Finalmente, Xosé Luis Vilela puxo en valor as achegas do escritor a La Voz de Galicia tanto no seu rol de colaborador, como facilitándolles primicias das súas obras e ao que cualificou como “polémica figura da modernidade”.

Todos os materiais expostos seguen unha pauta organizativa de carácter estético, que se plasma na súa disposición no salón Artesoado, a Capela e a Sancristía do Colexio de Fonseca. As cinco seccións que conforman a mostra  establecen un diálogo con materiais documentais asociados ao escritor: as súas entrevistas, conferencias, cartas, fotografías, textos das súas obras orixinais, ou manuscritos do seu puño e letra, entre outros. 

Itinerarios

O itinerario comeza na Sección I ‘As poéticas das artes plásticas como pano de fondo’. A primeira idea expositiva parte dos óleos, augafortes e esculturas que o escritor coleccionou ao longo da súa vida e que se lle presentan ao visitante “non como motrices da inspiración de Valle-Inclán, senón como panos de fondo que emiten reflexos de poéticas e mesmo de asuntos e contidos que tamén podiamos rastrexar na súa literatura e na súa crítica artística”, explican os comisarios da mostra. Así, entre outras, exhíbense obras de amigos e compañeiros de faladoiro de Valle como Ángel Zárraga, Marceliano Santa María, Fernando Labrada, Rafael de Penagos ou Ricardo Baroja. Obras ás que se lles engade unha pequena paisaxe de Castelao —primicia desta exposición—, cando estaba dando os seus primeiros pasos como artista e que lle dedicou a Valle con afecto e admiración.

‘A achega española do 98: a España branca e a España negra’ é o título da segunda sección, dedicada a resaltar as consecuencias que a crise do 98 supuxo para a sociedade e, polo tanto, para a creación artística do momento. “Mentres que en  ‘A España Branca’ destacamos a visión que Valle tiña da pintura desta tendencia como unha arte sen alma, de meros recursos técnicos, en ‘A España Negra’ fixémolo remarcando a procura dunha pintura simbólica, da que se quixeron destacar trazos como a etnicidade e o primitivismo, perceptibles na plasmación de tipos e costumes”, explican. No mesmo marco, o paso seguinte subliña o proceso da deformación expresionista á ‘Nova Figuración’ e detense na recuperación das formas primitivas do teatro, que de Souto materializa plasticamente. 

A sección III ‘Máscaras de ficción: a creación dun personaxe’, desenvolve un novo fío que parte dun texto de La Lámpara Maravillosa (1916). Conforman esta sección as efixies e caricaturas de Valle, das que el era propietario. Aquí poden atoparse retratos de Ricardo Baroja, Vázquez Díaz e Maside e as caricaturas de Oroz, Fresno, Robles, Juan Luis, Maside e Bagaría, ás que se lles agrega un breve abano de retratos literarios, que asinan, entre outros, Josefina Blanco, Ricardo Baroja ou Rubén Darío. Tamén se expoñen aquí as vestiduras de Valle que contribuíron a construír o seu personaxe, que forma parte do imaxinario popular.

A sección IV, Vanitas, constitúe o penúltimo fío desta exposición e relaciona aqueles obxectos que se converteron co tempo en reliquias ou obxectos de culto, como é o caso dos materiais que conforman o deseño das obras do autor. Esta parte alberga condecoracións e recoñecementos que Valle gardaba como recordos ou pezas do mobiliario do domicilio familiar, acompañadas dalgunhas descricións de xornalistas ou amigos. Tamén se mostra nesta sección unha significativa selección de obras dedicadas a Valle-Inclán por autores galegos.

‘O rostro / xesto único da morte’, derradeira das seccións, ten o seu pé de novo en La Lámpara Maravillosa (1916). A iconografía deste último fío constitúena a máscara mortuoria de Valle-Inclán en bronce, realizada por Francisco Asorey (1936), ou o retrato de Valle-Inclán morto, realizado por Juan Luis. Ademais consérvanse nove folios orixinais coas sinaturas de pésame. Unha camelia seca, recollida das flores do enterro, un bosquexo de Baldomero Magariños para a tumba de Valle-Inclán, e unha carta da actriz Josefina Blanco, esposa de Valle-Inclán, pedíndolle a Asorey consello para a sepultura do seu marido, integran esta sección, que se pecha con dous poemas do escritor: ‘Mientras hilan las Parcas’ e ‘Karma’, nos que se refire á súa posteridade.

Horario

Organizada pola Cátedra Valle-Inclán, a mostra conta coa colaboración do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC e o apoio da Deputación da Coruña, o xornal La Voz de Galicia e a Xunta de Galicia. O horario de apertura esténdese das 11.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.30 horas de luns a sábado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2023.