A mostra ‘A conciencia da razón’ recolle no Colexio de Fonseca o legado do pensamento de Concepción Arenal
A exposición ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’ que bota a andar este xoves no Colexio de Fonseca, concíbese como o acto central da homenaxe que a USC rende á pensadora ferrolá con motivo do bicentenario do seu nacemento neste ano 2020. Organizado dende a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos e comisariada pola catedrática de Dereito Civil, María Paz García Rubio, e o director da Biblioteca Concepción Arenal, Francisco Méndez García, trátase dunha mostra libraria e documental que pretende reflectir non só a vida e a obra de Arenal, senón tamén o ambiente histórico no que viviu e o legado que deixou o seu pensamento.
“A súa realización foi posible grazas ao traballo de moitos membros da comunidade universitaria que, superando as enormes dificultades que a situación sanitaria, económica e social provocada polo COVID-19 supuxo e segue a supoñer, non desistiron nos seus esforzos por render a merecida homenaxe a figura de Dona Concha”, sinalan dende a organización dunha mostra en cuxo acto inaugural tomaron parte o reitor Antonio López e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, ademais da comisaria da exposición.
Antonio López destacou que é “un xesto de xustiza” que unha muller como Concepción Arenal que tivo que vestirse de home para poder acceder ás aulas universitarias “entre hoxe na nosa Universidade pola porta grande”. Pola súa parte, María Paz García Rubio fixo fincapé en que Dona Concha foi “o pensador máis fondo e útil do seu tempo”; mentres que Anxo Lorenzo subliñou a súa condición de activista, voluntaria, pensadora e mesmo creadora literaria.
Achegas de institucións e particulares
Para lograr unha visión máis completa desta figura tan transcendental na loita polos dereitos das mulleres, exhíbense obxectos de interese histórico que enmarcan o contexto social e cultural, así como retratos e gravados que mostran a algúns dos personaxes máis importantes da época que tiveron unha relación máis directa con ela, como é o caso de Juana de Vega, Fernando de Castro, Giner de los Ríos ou Gumersindo de Azcárate. A maioría dos libros e documentos proceden da Biblioteca Universitaria, particularmente da Biblioteca Xeral e da que ten a peculiaridade de levar o nome de Concepción Arenal. “Son obras orixinais da pensadora que forman parte da colección da nosa Universidade e que abarcan practicamente todos os títulos publicados durante a súa vida”, apuntan. Os libros, documentos e obxectos restantes proceden de entidades e particulares. Destacan as achegas realizadas dende o Museo de Pontevedra, a Real Academia Galega, os Arquivos do Reino de Galicia, os Arquivos Provinciais de Lugo, os Arquivos dos Protocolos Municipais de Madrid, a Biblioteca Municipal de Galicia, a Galiciana, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Penzol, a Deputación de Ourense, o Museo do Pobo Galego, así como Guillermo Escrigas e Federico Cantero, descendente directo da homenaxeada.
Están presentes en formatos dixitais pezas orixinais de diferentes institucións madrileñas grazas á desinteresada colaboración dos seus depositarios, entre os que cómpre mencionar a Fundación Fernando de Castro, que incluso doou algunha peza á USC, o Centro de Documentación da Cruz Vermella, a Casa da Vila de Madrid e a Fundación Lázaro Galdiano na que recentemente se atoparon cartas inéditas de Concepción Arenal e que agora se exhiben por primeira vez.
Sete bloques temáticos
Dende o punto de vista formal, a exposición organízase en sete bloques temáticos. No primeiro deles, recóllese a biografía da autora ferrolá e destacan os documentos notariais do Arquivo do Reino de Galicia que dan conta da existencia dunha irmá, nada anos despois de que a súa nai quedara viúva e da que non se coñecen referencias previas en ningunha das biografías ou recensións sobre Concepción Arenal publicadas ata o de agora.
O apartado dous dedícase a unha faceta pouco coñecida de Arenal por corresponder, na súa maior parte, á súa etapa de mocidade e esfera máis íntima. Os bloques tres e catro deixan constancia de dous aspectos notorios da ferrolá: a súa condición de penalista, criminalista e penitenciarista e a súa condición de defensora dos máis desfavorecidos, preocupada polas cuestións sociais máis candentes do seu tempo.
O apartado cinco destínase a reivindicar a figura de Concepción Arenal como precursora do movemento pola dignificación da muller e da loita polos seus dereitos, cuestións ás que tamén dedicou moitas das súas obras. Precisamente na liña reivindicativa do papel desempeñado polas mulleres a finais do Século XIX en España sitúase o bloque 6, destinado a resaltar o mérito de catro das mulleres máis relevantes nese momento histórico: Rosalía de Castro, Juana de Vega, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Finalmente, o apartado sete destínase a dar conta do legado que deixou Concepción Arenal ás xeracións futuras e que se plasma nas numerosas homenaxes, estatuas, referencias e centros de todo tipo que levan o seu nome. Mención especial ten a repercusión da súa vida e a súa obra en América Latina.
A Exposición desenvolverase dende o 24 de setembro ao 7 de novembro, na Sala de Exposicións do Colexio de Fonseca e poderá ser visitada de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.