Ir o contido principal

A mostra fotográfica ‘20 anos non son nada’ abre o pano do XVII Encontro Universitario de Danza no Vello Cárcere de Lugo

Cartaz da mostra
Cartaz da mostra
Montserrat Valcárcel acompaña este mércores, ás 19.00 horas, á fotógrafa Chus Varela e ao director do EDU da USC, Juan Carlos Zahera, na inauguración da exposición

A apertura da mostra fotográfica ’20 anos non son nada’ no Vello Cárcere de Lugo abre este mércores, a partir das 19.00 horas, o pano do XVII Encontro Universitario de Danza, un certame artístico que presentará os días 21 e 22 de marzo no Vello Cárcere de Lugo as producións artísticas de cinco compañías de danza.

A exposición ’20 anos non son nada’ pretende ser unha “escolma representativa da diversidade que agroma o Espazo de Danza da USC”, comenta a autora destas 20 imaxes que conforman esta mostra. “Son fotografías todas elas captadas ao longo de tres anos, entre 2016 e 2019 e a través das que se pretende transmitir a plasticidade e a beleza da danza a través de persoas, bailaríns e bailarinas, mestres e coreógrafos que nalgún momento formaron parte do EDU da USC e xa forman parte da súa historia”, relata Chus Varela.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, e a fotógrafa afeccionada Chus Varela, percorrerán o mércores o trazado visual polo EDU da USC plasmado nesta mostra, organizada tamén ao abeiro do convenio Lugo Cultural co gallo da celebración do vixésimo aniversario do nacemento do Espazo de Danza da USC.

A mostra fotográfica ’20 anos non son nada’ permanecerá exposta no pavillón central do Vello Cárcere de Lugo ata o 22 de abril, data na que remata o XVII Encontro Universitario de Danza. As persoas interesadas en achegarse ao Espazo de Danza da USC a través das imaxes tomadas por Chus Varela terán a ocasión de facelo durante os dez primeiros días do mes de abril en Santiago de Compostela, onde permanecerá exposta ao público no Colexio de Fonseca.

Programa do XVII Encontro Universitario de Danza

As producións propias da USC volven centrar un ano máis o programa do XVII Encontro Universitario de Danza, un fito artístico da axenda cultural luguesa que neste 2019 amosará no patio central do Vello Cárcere creacións orixinais das compañías DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña, integrada por alumnado de IV Ciclo e dirixida tamén por Juan Carlos Zahera, e a nova formación independente da USC Compañía Schattenidentitäten. A este elenco de formacións súmase a Aula de Danza da Universidade da Coruña.

A nova compañía independente Schattenidentitäten abrirá o xoves 21 de marzo, a partir das 20.30 horas, o elenco de representacións coa coreografía All the world's a stage , interpretada e con coreografía de Xina Menrad e José Vera. Esta produción é realidade grazas o programa anual da Área de Cultura de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de Danza e Teatro, que convoca a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.

Logo da intervención desta formación independente da USC, a compañía da Aula de Danza da Universidade de Coruña (UDC) presentará ao público lugués a obra ACCIÓNS, con coreografía de Rut Balbís. A compañía DanzaUSC-Lugo botará o pano da xornada inaugural deste encontro coa produción Permeables, con coreografía de Rosa Acuña.

A formación sénior, Sen Vergoña, integrada por alumnado do IV Ciclo do campus de Lugo da USC, abrirá o programa do 22 de marzo coa presentación de Resilencia, con coreografía de Rosa Acuña. De seguido, a compañía DanzaUSCompostela porá en escena O solsticio de Piazzola, unha nova produción con coreografía de Xiana Vilas. A xornada rematará cunha nova intervención da Compañía DanzaUSC-Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2019.