Unha mostra fotográfica na Facultade de Veterinaria achega aos universitarios a realidade social e cultura do pobo etíope de Gumuz
A exposición fotográfica ‘Onde as rúas non teñen nome. Unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo Gumuz’ ofrece ao visitante unha pequena fiestra a través da que indagar nas particularidades do pobo etíope dos Gumuz. Esta mostra, que se pode visitar na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ata o próximo día 25, é o resultado do traballo realizado dende o ano 2003 no marco dunha misión de estudo etnográfico e cooperación en Etiopía dirixida polo profesor da Complutense Víctor Fernández Martínez.
As fotografías expostas pertencen ao arqueólogo Xurxo Ayán Vila, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Alfredo González Ruibal, da Universidade Complutense; e a Álvaro Falquina Aparicio. A mostra, á que tamén se sumou a Vicerreitoría de Cultura da USC, está financiada pola Semana da Ciencia en Galicia e o CSIC. A súa comisaria é Sonia García Rodríguez do Laboratorio de Paleoambente, Paisaxe e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela.
A exposición xorde como consecuencia da vida e o traballo cotiá da misión arqueolóxica e da convivencia do grupo de investigadores desprazados ao pobo Gumuz. “Nun principio as fotografías realizadas só tiñan un valor documental, unha opción máis de recollida de datos”, sinalan os seus autores, pero os investigadores viron finalmente a posibilidade de empregalas para transmitir e dar a coñecer a situación actual deste pobo etíope.“As contradicións e mesturas culturais deste pobo vénse reflectidas nas fotografías tomadas que, acompañadas das explicacións, transmiten información sobre a perda de identidade que está a sufrir este pobo” algo que segundo Ayán ten moitos paralelismos cunha etapa recente da historia galega. Neste senso, o arqueólogo lugués insiste en que a través dos cambios e influencias na cultura do pobo Gumuz “poderemos entender mellor o noso pasado e tamén o noso presente”.
Similitudes coa sociedade galegaXurxo Ayán explica que as similitudes de organización social e cultura material do pobo Gumuz, así como a súa actual transformación, “pódennos servir para entender os cambios sufridos pola sociedade galega durante a súa historia”. Establecendo paralelismos entre ambas culturas Ayán sinala que as casas dos Gumuz, igual que nos fogares tradicionais galegos, non se conciben como edificios únicos senón coma un conxunto de espazos polo que se trata de “toda unha lección etnoarqueolóxica para comprendermos as aldeas que existiron na prehistoria recente de Galicia”.
Ao igual que ocorreu en Galicia cando se substituíron pola tella os tradicionais teitos castrexos, comezan nesta zona de Etiopía a aparecer cubertas con chapa metálica nun síntoma de “cambio na cultura material que vén dado pola chegada da ‘modernidade’”, engade o fotógrafo. O mesmo ocorre coa forma das casas, si en Galicia a forma rectangular xeneralizouse coa romanización, agora, nalgunhas aldeas Gumuz estanse a construír casas rectangulares imitando o modelo das casas vilegas.
GlobalizaciónOutro dos aspectos presentados na mostra é a influencia experimentada polos Gumuz no seu contacto con referentes culturais externos a eles, sobre todo occidentais, algo que provocou “unha variación ou reformulación considerable de moitos dos seus costumes”. Así, “é frecuente ver ás mulleres coas pulseiras de metal dos tradicionais reloxos occidentais colgadas cun cordón ao redor do seu pescozo, algo que remarca a súa identidade”, puxo como exemplo Xurxo Ayán.
Ademais e a diferenza doutros pobos con pouco contacto exterior próximos aos Gumuz, os habitantes da aldea “pedían insistentemente facerse retratos fotográficos familiares en posicións forzadas recordando aos militares e coas súas mulleres vestidas imitando ás occidentais”, lembra o fotógrafo.
Segundo explicou Xurxo Ayán, dentro de cada casa Gumuz hai un cesto no que a familia garda os obxectos de maior valor práctico, económico, estético, ou simbólico. Co establecemento de contacto con outros pobos os obxectos máis tradicionais mestúranse agora con pilas usadas, reloxos, bolígrafos ou botellas de refrescos. “Pobos como oGumuz acollen de xeito estraño o proceso de globalización no que se ve inmerso o mundo na actualidade” destacan a este respecto os responsables da mostra, xa que “ver a un neno etíope cunha camiseta de Ronaldo ou de Beckham ou cunhas zapatillas Nike é algo habitual, aínda que para eles non teña un significado preciso do que representan eses símbolos”.