Ir o contido principal

A mostra fotográfica ‘Xeometría Natural’ descobre os conceptos matemáticos que viven agochados na natureza

A exposición 'Xeometría Natural' poderá ser visitada no Claustro Alto de Fonseca ata o 5 de abril. FOTO: Santi Alvite
A exposición 'Xeometría Natural' poderá ser visitada no Claustro Alto de Fonseca ata o 5 de abril. FOTO: Santi Alvite
Un total de doce imaxes captadas por Inmaculada Gutiérrez, Pilar Moreno, Leopoldo Martínez e Lucía Morales integran esta exposición que permanecerá aberta ao público no claustro alto do Colexio de Fonseca ata o 5 de abril
Santiago de Compostela

Un ducia de fotografías que descobren na natureza elementos xeométricos, simetrías e outros conceptos matemáticos integran a mostra ‘Xeometría Natural’, inaugurada este mércores 8 no claustro alto do Colexio de Fonseca, e que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 5 de abril. A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu o acto inaugural acompañada pola decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón; pola profesora María Elena Vázquez Abal, coordinadora do Nodo de Galicia do proxecto ‘Marzo, mes das Matemáticas’; e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. 

Pilar Murias salientou "o fermoso que é descubrir que baixo cada imaxe hai unha mensaxe matemática que nos permite interpretar a natureza" e considerou "fundamentais este tipo de exposicións para rachar con certos prexuízos que hai arredor das matemáticas". A decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón, chamou a descubrir esta mostra que "activa moito os cinco sentidos e amosa como gozamos coa beleza a xente das matemáticas". 

Inmaculada Gutiérrez, Pilar Moreno, Leopoldo Martínez e Lucía Morales son as persoas autoras das imaxes que poderán ser visitadas de balde entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Os textos integrados nesta exposición, promovida pola Facultade de Matemáticas da USC, foron escritos por Pedro Alegría, Raúl Ibáñez e Marta Macho; mentres que Carla Garrido encargouse da maquetación. As locucións son obra de César Goldi (voz) e Juanjo Fernández (gravación e efectos sonoros).

Esta mostra foi elaborada para o proxecto ‘Marzo mes das matemáticas’ pola Rede de Divulgación Matemática DiMa e patrocinada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). A coordinadora do Nodo de Galicia do proxecto, María Elena Vázquez Abal, destacou que todos os contidos xerados no proxecto están a disposición na súa web en acceso aberto e en todas as linguas cooficiais da contorna estatal.

O  26 de novembro de 2019, na súa 40ª Conferencia Xeral, a UNESCO proclamou o 14 de marzo como o Día Internacional das Matemáticas, a proposta da Unión Matemática Internacional (IMU). Esta efeméride dedícase cada ano a unha temática especial, tratando de espertar a creatividade e mostrando as conexións entre as matemáticas e todo tipo de campos, conceptos e ideas. Seguindo este eixo temático téñense impulsado diversos eventos en todo o mundo e, dende a rede DiMa, propúxose a organización de todo un mes (marzo) de actividades de divulgación matemática, entre as que se atopa a mostra ‘Xeometría Natural’. A exposición conta tamén co apoio da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2023.