Ir o contido principal

Unha mostra en Historia recupera as loitas e esperanzas das vítimas do terrorismo de estado en Arxentina

Unha mostra en Historia recupera as loitas e esperanzas das vítimas do terrorismo de estado en Arxentina
Unha mostra en Historia recupera as loitas e esperanzas das vítimas do terrorismo de estado en Arxentina
A Facultade acolle este venres unha xornada de profunda reflexión con protagonistas da ditadura militar

Logo de percorrer París, Madrid, Barcelona, Granada, Alacante, León e toda Arxentina chega a Santiago a mostra ‘Eles queren contarnos’, un proxecto da Fundación Madres de Plaza de Mayo - Línea Fundadora e a Secretaría de Cultura da República Arxentina que conta, a través das pancartas empregadas polas nais da Praza de Maio nas súas protestas, sesenta historias de vida de vítimas da última ditadura militar. A exposición, que permanecerá ata mediados de decembro no claustro da Facultade de Xeografía e Historia, inaugúrase este venres 29 ás 13.00 horas pero previamente, a partir das 10.00 horas na Aula 10 do centro está previsto un acto académico coa proxección dun documental e un coloquio no que participarán a secretaria de Cultura da República Arxentina, Fabiana Almeida; o conselleiro de Dereitos Humanos da Embaixada de Arxentina en España, Carlos María Duhalde; e a representante de Madres de Plaza de Mayo Línea Fundadora, Tati Almeida. Este debate, moderado polo profesor da USC Eduardo Rey, será retransmitido en directo por internet. O documental ‘No me olvides’ recupera a historia da familia Molfino como síntese audiovisual dos crimes da última ditadura militar en Arxentina: unha nai secuestrada en Perú, levada á ESMA e finalmente asasinada en Madrid; varios fillos desaparecidos e un neto roubado e finalmente recuperado. Inauguración da mostra As pezas gráficas da exposición están compostas por fotografías dos detidos-desaparecidos, fragmentos de poemas e cartas e fotos das súas familias, entre outros materiais, que pretenden estimular a reflexión da xente nova e convidala a construír as súas propias imaxes e pensamentos a partir das historias de vida e de militancia dalgúns dos trinta mil desaparecidos durante a ditadura cívico-militar arxentina. A mostra inaugúrase ás 13.00 nun acto ao que asisten, ademais dos interviñentes no coloquio, o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa; o decano da Facultade, Juan Monterroso; o cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Roberto Gudiño; a directora do Centro de Estudos Interdisciplinarios de América ‘Gumersindo Busto’, Pilar Cagiao Vila; e o director do Departamento de Historia Contemporánea e de América, Lourenzo Fernández Prieto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2013.