Ir o contido principal

A mostra 'Minerva e Marte' reconstrúe na USC o movemento do Batallón Literario de 1808

De esquerda a dereita: Xosé Sánchez Bugallo, Senén Barro, Xosé Barreiro, Carlota Álvarez, César Antonio Molina e José L Méndez Romeu
De esquerda a dereita: Xosé Sánchez Bugallo, Senén Barro, Xosé Barreiro, Carlota Álvarez, César Antonio Molina e José L Méndez Romeu
Esta exposición inaugurouse este luns 28 no Colexio de Fonseca

Un dos principais expoñentes da organización da sociedade civil na contenda contra as tropas napoleónicas en 1808 foi o alistamento de 1.600 estudantes universitarios que conformaron o Batallón dos Literarios, unha iniciativa xurdida no seo da universidade compostelá.
Rememorando este acontecemento, o ministro de Cultura, César Antonio Molina, e o reitor da USC, Senén Barro, inauguraron este luns 28 no Colexio de Fonseca a exposición ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’, nun acto no que estiveron acompañados polo presidente da Real Academia Galega e comisario da mostra, Xosé Ramón Barreiro; polo conselleiro de Presidencia, José L. Méndez Romeu; polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e pola directora de proxectos da SECC, Carlota Álvarez Basso. A exposición poderase visitar nas salas do Colexio de Fonseca ata o 21 de setembro.
A mostra, que pretende recoller e analizar os principais acontecementos acaecidos ao redor deste Batallón universitario, toma o seu nome dun texto que os soldados portaban nunha cinta do seu uniforme na que se podía ler “Por rescatar a Fernando y acabar con Bonaparte uniose Minerva a Marte”. Disolto o Batallón, algúns dos 200 superviventes continuaron loitando en Galicia e incluso continuaron posteriormente carreira militar, chegando incluso a relevantes cargos no exército e o goberno.
O núcleo principal da exposición, co-organizada pola Vicerreitoría de Cultura da USC e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) adscrita ao Ministerio de Cultura, procede do propio Arquivo Universitario co estandarte do Batallón como eixe simbólico do proxecto. Este estandarte foi restaurado para a ocasión pola conservadora especializada en tecidos Camino Fernández Represa. Ademais, na mostra tamén se poderá contemplar reconstrucións dos uniformes dos soldados, así como documentación de arquivos e coleccións privadas e de museos galegos.
O proxecto expositivo completa unha panorámica descritiva do que supuxo a guerra en Galicia, definindo así o contexto social e cultural no que xurde o Batallón.
Percorrido pola mostraA visita pola mostra ‘Minerva e Marte’ comeza na sala dereita, espazo dedicado aos símbolos e no que se expoñen o estandarte do Batallón; o relatorio dun dos soldados solicitando á Universidade a recuperación desta bandeira; e o Himno da Guerra da Independencia en dúas versións, unha respecta a partitura orixinal e a outra adaptada para gaita.
Ademais, proxéctanse os nomes de cincuenta membros do corpo militar literario da Real Universidade e recóllese a bandeira dunha das milicias populares, nas que se alistaban voluntarios galegos.
A sala da esquerda introduce ao visitante no contexto histórico e socio-cultural que envolveu esta efeméride, incluíndo un limiar no que se achega o sable do Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, comandante do batallón. A continuación, lémbrase a situación do país en Guerra con dous canóns franceses, chamados O Berrón e O Íntegro.
Tamén se expón o primeiro libro publicado en galego, Proezas de Galicia, que relata a historia dun guerrilleiro. A obra reeditouse cen anos despois cunha serie de debuxos orixinais que tamén ilustran a exposición e rememoran as actuacións dos galegos na loita.
Finalmente, ‘Minerva e Marte’ remata coa sección dedicada ao batallón en guerra na que hai unha reprodución do uniforme dun oficial galego, recreado pola Universidade para a ocasión; o dun dos Mariscais; e o primeiro xornal galego que en 1808 informaba con regularidade do acontecemento bélico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2008.