Ir o contido principal

Unha mostra repasa no Claustro Alto de Fonseca o proceso cara á Constitución Española de 1978

A exposición serve para contextualizar un dos procesos máis relevantes da nosa historia recente. FOTO: Santi Alvite
A exposición serve para contextualizar un dos procesos máis relevantes da nosa historia recente. FOTO: Santi Alvite
A exposición que poderá visitarse ata o 28 de xaneiro de 2024, atópase integrada por fondos da Fundación Pablo Iglesias e da colección privada de Miguel Gutiérrez
Santiago de Compostela

A Constitución Española fará en decembro de 2023 45 anos. O aniversario da Carta Magna adoita xerar múltiples preguntas e mesmo debate arredor da súa natureza e vixencia. Agora, a mostra ‘Escola de Democracia. O proceso cara á Constitución Española de 1978’ que dende este mércores 15 pode visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, serve para contextualizar un dos procesos máis relevantes da nosa historia recente. Os fondos expostos, entre os que se atopan publicacións, cartelaría ou mesmo xogos de mesa, proceden da Fundación Pablo Iglesias e da colección privada de Miguel Gutiérrez. 

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, o responsable de Actividades Culturais da Fundación Pablo Iglesias, Óscar Martín, e o profesor da Facultade de Xeografía e Historia, Emilio Grandío Seoane, comisario da mostra, inauguraron este mércores 15 a exposición. 

"Unha sociedade en cambio como a daqueles anos setenta demandaba un réxime que permitira transitar cara á democracia, mais a cultura democrática había que construíla”, explican dende o comisariado da exposición. Era preciso “definir modos e valores para que o diálogo, o debate, en definitiva, a esencia da democracia, chegara en primeiro lugar a dita sociedade, e posteriormente, se consolidara no tempo", apuntan dende a organización.

A definición final da Constitución de 1978 procede dun debate interno nunhas Cortes parlamentarias nunca definidas como 'Constituíntes', pero tamén dun proceso máis prolongado no tempo no que ditadura e oposición confluían para verificar "a única saída razoable naquel contexto". A auténtica clave na súa definición foi "a interiorización nunha gran maioría social da necesidade de buscar futuros de maneira común. A esencia da democracia", explican.

‘Escola de Democracia. O proceso cara á Constitución Española de 1978’ poderá visitarse ata o 28 de xaneiro de 2024, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, para profundar “na tortuosa senda” que logrou definir a Carta Magna, “incluíndo os camiños sen explorar". 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2023.