Ir o contido principal

A mostra ‘O retorno do máxico’, unha viaxe dende o Colexio de Fonseca á “fraga emocional” galega

A mostra é froito dunha profunda investigación e un intenso traballo de campo, percorrendo moitas trazas da xeografía galega. FOTO: Santi Alvite
A mostra é froito dunha profunda investigación e un intenso traballo de campo, percorrendo moitas trazas da xeografía galega. FOTO: Santi Alvite
A obra de Consuelo Chacón, Patricia Mateo e Jose Luis López Moral integra este proxecto multidisciplinar que transita fotografía, pintura, vídeo, instalación e son

“Esta mostra é unha viaxe á fraga emocional que todas as persoas galegas levamos dentro”. Con estas verbas definiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, a mostra ‘O retorno do máxico’ que dende este xoves 15 e ata o vindeiro 28 de xuño pode visitarse no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca. Este proxecto multidisciplinar transita fotografía, pintura, vídeo, instalación e son, para profundar —dende a arte, a experiencia e a natureza— no universo das meigas, do patrimonio botánico e da tradición galega, no imaxinario das lendas e das supersticións, os saberes populares que tan firmes alicerces teñen construído na cultura de Galicia.

Consuelo Chacón, Patricia Mateo e Jose Luis López Moral son os creadores das obras que integran esta exposición comisariada por Paula Cabaleiro e que parte dunha profunda investigación e un intenso traballo de campo, percorrendo moitas trazas da xeografía galega e indagando nas febras da tradición e da memoria. “A mostra plasma o bosque como algo máxico pero tamén se centra no camiño, no feito de deixarse atravesar por esa experiencia”, sinalou Paula Cabaleiro no acto inaugural que se desenvolveu no Colexio de Fonseca. A comisaria agradeceu á USC “ter as portas abertas para a arte contemporánea” e permitir, deste xeito, o acceso da comunidade académica e da cidadanía no seu conxunto a este tipo de manifestacións artísticas.

Na sesión de apertura da mostra tamén interveu Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, quen puxo o foco no “espazo simbólico e polivalente” que representa o Salón do Artesoado no que a USC ten proxectado “mostras de moi diferente natureza”. No acto tamén participou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen acompañou aos artistas por un percorrido explicativo da mostra.

Estrañeza e fascinación

Consuelo Chacón, Patricia Mateo e Jose Luis López Moral conciben a través das súas creacións mundos máxicos, cheos de simbolismo e ambigüidade, atmosferas de ensoñación e simulacro que transitan entre o real e o ficticio, reivindicando o valor da sabedoría popular e da natureza, a raíz da identidade cultural galega, o papel das 'bruxas' e dos relatos que se tecen nas marxes do discurso sistémico. Sempre na procura de interpelar e situar ao público, a mostra sitúase nun estado simbiótico de cuestionamento, estrañeza e fascinación.

Tal e como apuntan dende o comisariado da mostra, “somos un territorio cheo de maxia que vertebra memoria en cada camiño, en cada retallo de historia e de patrimonio, cunha fonda tradición oral que é sustento e testemuño da nosa forma de estar no mundo e espalla ese imaxinario en cada conversa, en cada encontro, en cada celebración. Mais tamén somos lugar de peregrinación, acollendo e recollendo relatos múltiples, tecendo unha cultura poliédrica en continuo proceso de transformación”. A cultura galega é moitas veces para camiñantes “un axente catalizador, unha fiestra cara a un universo de múltiples dimensións simbólicas, onde o misterio, a historia, a tradición e o mito, se entrelazan creando un relato á marxe dos discursos hexemónicos de poder, discorrendo entre o máxico, o escuro e o etéreo”.

A mostra que pode visitarse de luns a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, conta cunha visita guiada, este xoves 15, ás 19.00 horas, coa actuación da arpista Alba Barreiro. 
 

De esquerda a dereita, Consuelo Chacón, Jose Luis López Moral, Rosario Álvarez, Pilar Murias, Anxo Lorenzo, Paula Cabaleiro e Patricia Mateo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Consuelo Chacón, Jose Luis López Moral, Rosario Álvarez, Pilar Murias, Anxo Lorenzo, Paula Cabaleiro e Patricia Mateo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2025.