Ir o contido principal

A Mostra de Teatro Universitario de Galicia botou o pano coa entrega dos seus premios

A entrega de premios celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A entrega de premios celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A Compañía de Teatro da USC-Lugo acadou un total de seis galardóns, incluíndo mellor espazo escénico, vestiario, iluminación, mellor actriz, mellor dirección e mellor espectáculo

A XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia entregou este xoves 9 os seus premios pechando deste xeito, a cita anual que reúne na USC ao teatro universitario que se realiza en Galicia. O premio ao mellor espazo escénico foi para a compañía de teatro USC-Lugo pola obra ‘ Animaliños’ e para Sigillatos Galaicos por EN-CAIXA-DOS. No apartado de vestiario, o premio recaeu en ArtÍAS Teatro, por ‘Dixo Pene (nai que os pariu)’, e tamén para a obra ‘Animaliños’, ademais dunha mención especial á compañía Pinchacarneiro por ‘Proxecto 45’. A mellor iluminación correspondeu á Aula de Teatro Universitaria de Ourense, por ‘Suicidio colectivo con encanto’ e para Paloma Lugilde e Alfredo Sarille por ‘Animaliños’, así como dúas mencións especiais para Pablo Fontenla por ‘Noite na terra’ e para a compañía LasCivas, por ‘XX’. Roi Méndez, por Santa Perpetua, e Ramón Ínsua, por ‘Proxecto 45’ foron recoñecidos co premio ao mellor actor. Neste apartado, o xurado tamén decidiu outorgar unha mención especial a Pablo Fontenla por ‘Noite na terra’. Como mellor actriz, o xurado decidiu recoñecer ao conxunto do reparto da compañía de teatro USC-Lugo, por ‘Animaliños’, e a Isa Suárez, por ‘Soños dun seductor’, así como unha mención especial para Natalia Ibáñez por ‘Proxecto 45’. A mellor dirección foi para Fernando Dacosta, por ‘ Suicidio colectivo con encanto’, e para Paloma Lugilde por ‘Animaliños’. Gustavo Dieste foi tamén destacado cunha mención especial por ‘Exercicio para escorrentar pantasmas’. Completando o conxunto de galardóns, o premio ao mellor espectáculo foi para ‘Animaliños’ e para ‘Santa Perpetua’ da compañía NNC Teatro. Fóra das categorías premiadas, o xurado, por unanimidade, fixo unha mención especial á traxectoria e compromiso da compañía Arte Maior ao longo destes anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2013.