A X Mostra de Teatro Universitario de Galicia pecha as portas coa entrega dos seus premios
A X Mostra de Teatro Universitario de Galicia pechará as súas portas ao público coa entrega dos primeiros premios deste certame nun acto que se vai celebrar este mércores 3 a partir das 20:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. En total, establecéronse dous premios por categoría para así destacar o mellor espectáculo, mellor dirección, mellor interpretación feminina e mellor interpretación masculina.
Ao acto asistirán os membros do xurado e a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, así como as compañías programadas, que coñecerán o ditame na mesma sesión. Con estes premios, os organizadores pretenden establecer un recoñecemento e un estímulo para as compañías participantes.
Un total de catorce obras compoñían o cartel que a décima edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia puxo en escena entre os días 24 de maio 2 de xuño, organizada pola Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Trátase dun festival de especial transcendencia por ser o único de todo o teatro universitario que se fai en Galicia. Nel estiveron presentes todas as compañías teatrais da USC así como as das outras dúas universidades galegas.