Ir o contido principal

A Mostra de Teatro Universitario de Galicia subirá o pano entre o 24 de abril e o 6 de xuño

Cartel coa programación para os vindeiros días
Cartel coa programación para os vindeiros días

Teatro Principal e a Sala Roberto Vidal Bolaño acubillarán a partir da vindeira semana a 19ª Mostra de Teatro Universitario de Galicia, unha cita de entrada libre que porá sobre as táboas nove representacións e que organiza a Aula de Teatro da USC co apoio da Deputación da Coruña.

A programación teatral comezará o martes 24 de abril no Teatro Principal da man da compañía de Teatro USC-Lugo coa obra ‘WK’, unha dramaturxia de Paloma Lugilde a partir da obra ‘Woyzeck’ de Georg Büchner. Está prevista unha función dobre con representacións ás 19.00 e ás 21.00 horas e aforo reducido. Ao día seguinte Tolemia Teatro (USC) representará ‘Cyrano’ mentre que o sábado 28 e o domingo 29 Labarata (USC) representará na Sala Roberto Vidal Bolaño ‘Al dente’, peza de creación colectiva.

Xa o luns 30, de volta no Teatro Principal, a compañía Maricastaña do Campus de Ourense representa ‘As ondas das pedras do río’, dramaturxia que asina Fernando Dacosta a partir da novela O deus das pequenas cousas de Arundhati Roy. Seguiranlle o martes 1 de maio ARTías (USC) escenificando ‘Des-Armadas’ de Tomás Afán e Fernando Arrabal e o mércores 2 de maio Faísca (USC) con ‘Historia natural das estrañas criaturas mariñas’, de creación colectiva.

O xoves 3 de maio, novamente na Sala Roberto Vidal Bolaño, Lobishome (USC) sube ás táboas ‘ Insilio’ de Miguel Ponce e José G. Vera, mentres que o venres Polaroid (USC) achega a súa versión de ‘Fahrenheit 451’, nunha adaptación de Félix Álvarez a partir da obra orixinal de Ray Bradbury. A mostra botará o pano con dúas funcións, o sábado 5 e o domingo 6, de Vacaloura (USC) que interpretará ‘Lendatarias’ de Amantía Coello.

Con excepción da xornada do día 24 de abril, as entradas poderán retirarse a partir das 20.00 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño e dende as 18.00 horas no Teatro Principal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2018.