A X Mostra de Teatro Universitario puxo o peche coa entrega dos seus premios

A Mostra de Teatro Universitario puxo o broche final a esta décima edición coa entrega de premios nas modalidade de mellor interpretación masculina e feminina, mellor dirección e mellor espectáculo. Trátase da primeira convocatoria destes galardóns que pretenden establecer un recoñecemento e un estímulo para as compañías participantes. O xurado encargado de outorgalos, integrado por Paula Carballeira, Marta Ríos, Diego Rey e Roberto Salgueiro (este último en calidade de secretario), decidiu por unanimidade crear unha nova categoría para premiar o mellor espazo escénico “habida conta do excelente nivel amosado polas compañías presentes”. Ademais, decidiron elevar á Vicerreitoría de Cultura a proposta de contemplar en futuras edición un premio para a iluminación.
Entregados este mércores nun acto celebrado no Colexio de Fonseca, os premios recaeron na modalidade de mellor espazo escénico en Paula Funes e Begoña Cuquejo por ‘En construción’ de Murmurios Teatro e en Fran Godón por ‘Memoria de Ut’ de Teatro no Aramio.
O recoñecemento á mellor interpretación masculina foi para Fernando Veiga polo seu traballo en ‘Memoria de Ut’ e para Francisco Paz en ‘Zorro’, de Teatro da Falúa. Xa na modalidade feminina, as premiadas foron Paula Díaz pola obra ‘Fin de partida’ de NNC e para Iria Acevedo pola súa interpretación en ‘Sussie’ da Aula de Teatro da USC – Compañía de Teatro de Lugo.
Os galardoados pola mellor dirección foron Beatriz Bravo por ‘Aberto por folga – cabaré laboral’ de Tangatutanga Teatro e Esther Carrodeguas por ‘Zorro’. Finalmente o xurado recoñeceu como mellor espectáculo as obras ‘Só vostede e máis eu’ da compañía Mequetrefes e ‘Aberto por folga – cabaré laboral’.
Un total de catorce obras compoñían o cartel que a décima edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia puxo en escena entre os días 24 de maio 2 de xuño, organizada pola Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Trátase dun festival de especial transcendencia por ser o único de todo o teatro universitario que se fai en Galicia. Nel estiveron presentes todas as compañías teatrais da USC así como as das outras dúas universidades galegas.