Ir o contido principal

O movemento Nunca Máis e a indefinición social creada por mor da crise do ‘Prestige’, a análise nunha tese presentada na USC

Teresa Barberena
Teresa Barberena
A investigación desenvolvida pola xornalista Teresa Barberena Fernández e dirixida por Luis Álvarez Pousa, estuda o factor protesta como medio de referencia da sociedade

A análise do actor da protesta como medio de referencia da sociedade nunha situación de indefinición como a desencadeada polo afundimento do petroleiro Prestige centra as pescudas realizadas pola xornalista Teresa Barberena Fernández ao abeiro da tese de doutoramento ‘A construción do significado da protesta na crise do Prestige. Análise das axendas, os marcos e os discursos de Nunca Máis e dos medios de comunicación’, unha investigación dirixida polo profesor Luis Álvarez Pousa e que vén de presentar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Barberena Fernández analiza na súa investigación de doutoramento a construción da realidade que fixo o movemento social Nunca Máis para logo facer unha comparación coa feita polos medios de comunicación galegos, españois e internacionais a través dos seus discursos. O estudo céntrase no actor da protesta como medio de referencia da sociedade nunha situación de indefinición e desencadramento como foi a crise do Prestige. Esta situación de indefinición, unida ao sentimento de abandono por parte do poder político, levou á sociedade a mobilizarse tanto nos areais e nas rías limpando o chapapote como en diferentes eventos de protesta, demandando solucións e responsabilidades aos gobernos español e galego, lembra a investigadora, quen tamén conclúe na súa tese que a desaparición do goberno do escenario da traxedia e a toma de decisións por parte do pobo, son factores que non se viron reflectidos nos medios de comunicación social. Teresa Barberena realiza na súa tese de doutoramento unha exhaustiva comparación da construción da realidade feita polo movemento social Nunca Máis coa debuxada polos medios de comunicación galegos, españois e internacionais durante os primeiros meses da crise. A investigadora analizou na súa tese 4.768 unidades informativas de La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El País e ABC. Tamén foron obxecto de análise outras informacións publicadas no Jornal de Notícias (Portugal), Le Monde (Francia) e Eleftherotipia (Grecia). E logo do estudo deste amplo material informativo, Barberena conclúe que os medios de comunicación rivalizaron con Nunca Máis no proceso de darlle sentido aos acontecementos e para reducilo atribuíronlle outra identidade. Na sociedade actual, non hai maior poder que o de definir ao outro, o “eles”, en contraposición do “nosoutros”, subliña. Tribunal da tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Teresa Barberena Fernández estivo presidido por Víctor Sampedro Blanco, catedrático da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid.

A catedrática da Universidade de Valencia Carolina Moreno Castro; Gil Baptista Ferreira, profesor de Ciencias da Comunicación do Instituto Politécnico de Coimbra; María Pilar Jiménez Aleixandre, catedrática de didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela, e José Soengas Pérez, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC, completaron a relación de membros do xurado que cualificou de sobresaínte cum laude esta tese.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2016.