Ir o contido principal

A muller rural, ‘alma de Galicia’, gradúase na EPS de Enxeñaría

Placa adicada á muller rural nun pavillón da EPS de Enxeñaría da USC
Placa adicada á muller rural nun pavillón da EPS de Enxeñaría da USC
A escola luguesa recoñece e pon en valor o traballo “calado e imprescindible” de milleiros de mulleres que impulsaron ao longo da historia o desenvolvemento de Galicia nun acto simbólico que contou coa participación da actriz Benedicta Sánchez
Lugo

A muller rural conta desde hoxe con espazo e, se cabe cun maior protagonismo, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, que, a iniciativa da  Comisión de Igualdade de Xénero do centro, acordou dedicar un dos seus pavillóns ao colectivo de traballadoras do campo e do mar, na súa maioría mulleres anónimas e pouco ou nada recoñecidas, que co seu labor contribuíron a manter a estrutura social e económica de Galicia e impulsaron o seu desenvolvemento.

A colocación dunha placa conmemorativa no vestíbulo do pavillón 3 da EPS de Enxeñaría serviu de colofón dun acto simbólico a través do que o centro universitario lugués, estreitamente ligado co sector agrario e forestal, quere agradecer publicamente, ademais de poñer en valor a figura e a pegada feminina na loita pola supervivencia do medio rural.

“Trátase dun recoñecemento a todas as mulleres que durante tantos anos traballaron no campo, ían ao monte e ao mar, ao tempo que se ocupaban das cargas familiares e da subsistencia de fillos e fillas”, lembrou a subdirectora da EPS de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, que defende este recoñecemento como “un merecido acto de gratitude ás mulleres de Galicia”.

A lectura duns versos Manuel María, a cargo da profesora Dolores Fernández Rodríguez, nos que o poeta considera “as mulleres galegas labregas, mariñeiras, artesás, obreiras, pasado, pobo, presente, alma e futuro de Galicia”, serviu para abrir un acto emotivo, cuxo simbolismo tamén se viu reforzado pola presenza da actriz Benedicta Sánchez, galardoada cun Premio Goya pola súa participación en ‘O que arde’, quen fixo un chamamento a “coidar a muller, que é o motor de Galicia”, dixo.

As mulleres rurais acadan deste xeito unha visibilidade manifesta na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, cuxas instalacións e dependencias máis senlleiras tamén renden homenaxe a diferentes persoas e personalidades desenvolveron un papel destacado na innovación, o estudo, a divulgación e mesmo na defensa do agrarismo en Galicia, tal e como é o caso de Cruz Gallastegui Unamuno, Abel Bouhier ou, entre outros, Isaac Díaz Pardo.

O acto simbólico de recoñecemento da muller rural, un colectivo moitas veces invisible, serviu asemade para facer de novo un chamamento ás mozas galegas e de fóra de Galicia a orientar ou seu futuro universitario cara as enxeñarías. “A presenza feminina nas aulas da EPS de Enxeñaría sitúase arredor do 27% do total da matrícula, unha porcentaxe lixeiramente superior á media estatal”, comenta profesora Rosa Romero, quen, sen embargo matizou que “as rapazas acostuman ter mellores rendementos académicos e, por riba, na actualidade tamén hai estudos que sinalan que os proxectos de emprendemento máis innovadores no medio rural tamén están promovidos por mulleres”.